Non volverás quedar sen batería coa Energy Extra Battery 10000

Hai unha semanas falámosvos da Energy Extra Battery 10000, unha batería externa recargábel que nos permite multiplicar a autonomía dos nosos gadgets, mais hoxe queremos falarvos dela logo de estala probando uns días.

O primeiro que chama a atención deste utensilio é o tamaño, pois non é máis grande ca un teléfono, aínda que si máis groso (uns 18 mm). Malia todo, non resulta especialmente pesado, aínda que non é algo deseñado para levar no peto, senón nunha bolsa.

A caixa inclúe, ademais da propia batería, un pequeno cable USB que nos permitirá cargar o utensilio co ordenador ou unilo ao terminal que queremos cargar. Así mesmo, veñen 8 pins de conexión diferente que fan que a batería sexa compatíbel con moitos trebellos, onde destacamos os conectores microUSB, miniUSB e o de 30 pins que o fai compatíbel coa Sasmung Galaxy Tab.

8pins

Agradécese que o dispositivo conte con 2 saídas USB que nos permiten cargar a un tempo dous teléfonos ou tablets, unha funcionalidade que se somos dos que nos andamos desprazando dun lugar para outro cos nosos gadgets agradeceremos moito.

O funcionamento é bastante sinxelo e intuitivo; todo comeza pola carga da batería, algo que pode resultar un pouco lento se o facemos co ordenador, puidendo levar máis de 8 horas; porén, a nosa recomendación é que a fagades enchufándoa á corrente cun cargador microUSB, como podería ser o do propio móbil, o que reduce notabelmente os tempos de carga.

Unha ringleira de LED’s servirannos para seguir como vai o proceso de carga. Esta capacidade poderá quedar almacenada nun 95% durante 30 días sen uso, polo que as perdas non son excesivas. Para cargar calquera trebello simplemente deberemos acender a batería e conectalo, polo que  as dificultades son inexistentes. Un pequeno detalle que nos chamou a atención é que incorpora autoapagado se non se está a usar, polo que se nos despistamos e a deixamos acesa non levaremos unha desagradábel sorpresa de atopala descargada.

En canto a comparativas do que supoñen 10.000 mAh de batería extra, podemos pensar que unha tablet de 10 polgadas adoita ter uns 6500 ou 7000 mAh e que un smartphone actual ronda os 2000 mAH, Así, imaxinade que podemos multiplicar por 5 a vida do noso smartphone (idealmente, sempre hai algunha pequena perda e non son cifras exactas).

Concluíndo, a Energy Extra Battery 10000 pareceunos unha idea estupenda, xa que non sempre temos un enchufe a man para cargar os nosos dispositivos. Así mesmo, o seu prezo, 49,90 € parécenos moi axustado para un produto de calidade e con garantías fronte a outras alternativas de procedencia “extrana” que se poden atopar en moitas páxinas web.

Sobre o autor

Reply