Analizamos a Xperia Tablet Z

2013-08-17 11.36.07

As tablets foron ganando espazo na nosas vidas, de xeito que hoxe en día non só temos unha chea de alternativas atendendo ás características hardware ou prestacións, senón que ademais existe a especialización, con trebellos orientados ao seu uso na cociña, en exteriores ou en vehículos.

Indo á gama alta, unha das que máis deu que falar este ano é a Xperia Tablet Z de Sony, que conxuga en 6,9 mm de grosor altas prestacións hardware e resistencia.

Deseño, acabados e conexións.

O deseño da tablet estrela de Sony é comparábel ao que está a implementar o fabricante nos seus terminais máis avanzados: liñas rectas, cortes simples e grosores axustados. De feito, como adiantabamos, ten tan só 6,9 mm de grosor e apenas 495 gramos de peso.

Os bordes veñen especialmente protexidos para poder soportar golpes, ademais de que os diferentes conectores (microUSB, tarxeta microSIM, tarxeta microSD…) veñen con candasúas tapas para que non lles entre humidade no caso de somerxer o dispositivo en líquido ou pó (é resistente á auga segundo IPX5/7, até media hora a un metro de profunidade) e a pó segundo IP5X).

Os altofalantes sitúanse nos laterais inferiores, o que fai que segundo como collamos a tablet ás veces tendamos a tapalos. Así mesmo, cando se sumerxe en auga e, até que non están secos, a calidade mengua un pouco, aínda que como dicimos é algo temporal.

Admite todas as conectividaes habituais, como WiFi ou Bluetooth, ademais do cada vez máis extendido NFC e DLNA para multimedia. A versión con conectividade móbil admite 3G/4G.

Pantalla

A pantalla que incorpora é unha Reality Display de 10,1 polgadas, cunha resolución de 1920 x 1200 píxeles (224 ppp) e Mobile Bravia 2. Ademais, dispón de protección Gorilla Glass para evitar rabuñadas, mesmo se procedemos a cortar algo cun coitelo sobre ela se a usamos a modo de táboa de cociña.

Sony Xperia Tablet Z

En canto á calidade, como podedes imaxinar non hai moita queixa. Se ben é certo que hai alternativas con maior densidade de píxeles, a experiencia é realmente boa, sendo só perceptíbel que podería ser mellor se se traballa con textos con letra moi pequena. As cores, pola súa banda, son tremendamente realistas, e o seu brillo é axeitado para a súa utilización en entornos exteriores.

Sistema operativo

No momento de probala viña con Android 4.1.2, aínda que xa dispón de actualización a Android 4.2, e é de imaxinar que seguirá a actualizarse a próximas versións do sistema operativo. Sony engadiu a este terminal unha capa de personalización con algunha funcionalidade e aplicación extra, a meirande parte orientadas aos contidos multimedia de Sony.

Cámara

O apartado de cámaras pasa por un sensor de 8 megapíxeles na parte traseira e un de 2,2 na frontal, ambos que cumpren sobradamente o seu papel, aínda que na nosa opinión e, sobre todo pensando na traseira, poderíase ter optado por algo de menor calidade para reducir custes (en serio, aínda hai quen saca fotos coa tablet?).

Batería

Inclúe unha batería interna de 6000 mAh, o que lle dá unha autonomía máis ca suficiente. Cun uso intensivo reproducindo multimedia, navegando pola rede en mobilidade e usándoa para tomar notas remata o día sen problemas, mentres que se reducimos o seu uso a aspectos máis simples como a lectura dun libro electrónico as horas de vida multiplícanse.

Conclusións

Desde logo a Sony Xperia Tablet Z é unha das mellores tablets que podemos atopar hoxe en día no mercado. Os 4 núcleos do seu procesador a 1,5 GHz e os seus 2 GB de RAM farán que non suframos en ningún momento sensación de sobrecarga pola multitarefa, algo moi importante se usamos o dispositivo para xogar.

A capacidade da súa memoria, sempre ampliábel por microSD varía segundo a versión: 16 ou 32 GB se escollemos conectividade unicamente WiFi ou 16 GB para a versión WiFi+3G/4G, polo que neste senso podemos escoller o que mellor se adapte ás nosas necesidades.

O punto da resistencia á auga, malia que poida parecer unha carallada, resulta moi interesante para usos en entornos hostís como a cociña ou exteriores, polo que consideramos que debera ser un aspecto a estandarizar por todos os fabricantes.

Dependendo do establecemento e da versión, pódese conseguir este dispositivo desde os 450 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply