Analizamos o LG G2, o mellor smartphone de LG

LG G2

LG amosou nos últimos tempos unha clara predisposición a facer as cousas ben na gama alta, logo dun ano no que estiveron centrados en terminais de gama media e baixa para volver a introducirse na sociedade. Hoxe son o segundo fabricante en número de vendas do Estado e co LG G2 queren seguir aumentando esa cota.

Deseño, acabado e conexións

A primeira impresión tras sacar o G2 da caixa é que non pode ser verdade o tamaño da pantalla que figura nas especificacións, posto que malia ser un terminal grande resulta comodísimo. É algo que se explica por si mesmo ao acendelo e descubrir que apenas hai marco lateral, todo é pantalla, cunha unión case perfecta e indistinguíbel entre a mesma e a carcasa plástica en que está fabricado.

LG volve con este dispositivo aos terminais con redondeados, fuxindo de liñas rectas, o que o fai realmente cómodo na man. O seguinte que chama a atención é a situación dos 3 botóns que ten, 2 de volume  e un de acendido. Están na parte posterior, onde situamos os dedos cando sostemos o terminal durante unha chamada, algo que esixe un pequeno cambio de chip que, unha vez superado, vólvese case imprescindíbel. Arrodea o botón de acendido un LED que se ilumina cando falamos por teléfono, algo que vai máis na estética que na funcionalidade real.

Os único conectores á vista son o microUSB e o jack 3.5, ambos situados na parte inferior do teléfono xunto aos altofalantes, sendo os únicos puntos de conexión visíbeis. Non lle falta NFC nin micrófono cancelador de ruído.

Pantalla

A pantalla é un panel True-IPS de 5,2 polgadas (1080 x 1920) e unha densiade de 423 ppp, cunha variedade cromática ampla e unha viveza de cores maior a calquera outro terminal da marca.

Para acendela podemos darlle ao botón traseiro ou un dobre toque (toc toc) co dedo sobre a mesma, un xesto realmente intuitivo e contaxioso (logo de andar con este terminal ándase tentando activar todos os smartphones do mesmo xeito).

Sistema operativo

Vén de partida con Android 4.2.2, que por suposto será actualizábel. Segundo nos comentaron durante a presentación do terminal, o tema das actualizacións é de suma importancia para a marca, polo que non sería de extranar que a actualización a Android 4.4 KitKat (aínda non presentado) chegase antes de final de ano.

Polo demais, sobre Android ten unha capa de personalización de LG, que aínda que seguramente desde un punto de vista estético sexa das menos traballadas, no plano funcional ten diversas ferramentas de utilidade como QuickMemo (captura de pantalla con notas, debuxos…), miniaplicacións que se poden sobrepoñer sobre o que teñamos aberto etc.

Destaca tamén a inclusión dun modo convidado, que permite ter diferentes patróns de desbloqueo para diferentes permisos, por se queremos deixarlle o móbil a alguén sen que ande nas nosas cousas.

Cámara

As especificacións da cámara pasan por un sensor na principal de 13 megapíxeles, con tamaño 1/3″. Inclúe tamén un estabilizador óptico (víchedes o vídeo da galiña?) para imaxes en movemento

Dispón dos típicos modos que se inclúen case por defecto en calquera cámara (normal, panorámico, HDR), pero ademais introduce o disparo retroactivo (saca a foto antes de que disparemos), ráfagas, dobre cámara á vez… cabe sinalar tamén que se pode utilizar o botón traseiro como elemento de disparo, algo que resulta cómodo para sacar “autofotos” coa cámara principal.

Deixámosvos algúnhas mostras:

Batería

A batería, interna, é de 3000 mAh, xa numericamente superior a outros dispositivos de características semellantes existentes no mercado, algo que conseguiron grazas ao total aproveitamento de espazos mortos sobre o deseño do terminal.

bateria g2

Na práctica ofrece unha autonomía de día e medio cando temos un uso moi intenso ou de máis de 2 días se empregamos o terminal de forma moderada, o que sitúa este dispositivo nos primeiros postos en canto a autonomía.

Conclusións

Se pensabamos que LG ía no bo camiño cos últimos terminais de gama alta (Optimus G e Optimus G Pro), o G2 serve para non só confirmar que siguen nesa liña senón que ademais van un paso máis aló ofrecendo características innovadoras. Detalles a priori anecdóticos, como o botón traseiro ou a case inexistencia de marco entre pantalla lateral, son froito dun importante traballo de innovación.

Non lle falta potencia a este terminal de procesador de 4 núcleos a 2,26 GHz [nin honestidade á marca ao non ter redondeado a 2,3 😉 ], 2 GB de RAM e 16 GB ou 32 GB de memoria interna non ampliábeis. Tampouco batería, como comentabamos no apartado específico: a autonomía deste dispositivo é realmente óptima.

O único aspecto que cremos que LG debe mellorar deste teminal é o software. A capa de personalización da compañía parece ter quedado algúns anos por detrás, non por funcionalidades, que realmente están á altura, senón no plano estético. Imaxinamos que esta será unha liña a coidar e na que traballar nun momento no que o hardware é o de menos e o que conta son as sensacións.

En definitiva, podemos concluír que o LG G2 é o mellor smartphone deste fabricante coreano e de seguro unha das mellores opcións na gama alta actual. O seu prezo, 599 €, fan que esta relación calidade prezo sexa aínda maior.

Sobre o autor

No Responses

Reply