NBA Game Time, a aplicación oficial para seguir a NBA

O pasado 29 de outubro comezaba unha nova edición da meirande liga de baloncesto do mundo, a NBA, e, con ela, aparecía unha nova versión da aplicación oficial para seguirmos a liga.

2013-11-04 01.38.00

NBA Game Time é a mellor ferramenta para seguir de xeito gratuíto os partidos en xogo, contendo información en directo sobre resultados, estatísticas e narración xogada a xogada, así como vídeos con resumos parciais e as mellores xogadas ao final de cada cuarto.

Así mesmo, tamén teremos acceso a moito do contido da páxina web da NBA, non só ás novas, as clasificacións ou as estatísticas de cada un dos xogadores e dos partidos xa xogados; senón tamén ás fotos e aos vídeos incluídos na web da NBA, entre os que destacan todos os resumos dos partidos.

2013-11-04 01.39.07

Porén, o aspecto máis destacable da aplicación son as súas posibilidades de personalización, que permiten a calquera usuario recibir información instantáneas sobre os resultados ou as novas máis destacables do noso equipo preferido mediante notificacións push. Así mesmo, e para os usuarios suscritos ao League Pass da NBA, Game Time dá a posibilidade de vermos todos os partidos da NBA en directo ou en diferido no noso dispositivo, o que o fai especialmente axeitado para as nosas tablets, se ben a constante petición de introducir a contrasinal ao comezo de cada sesión pode facelo pesado para as persoas que non paguen a suscrición.

NBA Game Time está dispoñible para Android 2.2 e superiores e pode descargarse desde a Play Store.

Sobre o autor

Reply