Analizamos o HTC One, o dispositivo co que HTC mudou de rumbo

htc one

A comezos de ano HTC presentaba o HTC One, que co nome xa nos estaba a dar unha pista de por onde ían os tiros: One, “o primeiro”. En efecto, o HTC One é o primeiro dunha nova época para HTC, o resultado de terse posto a darlle voltas a algo tan simple como un smartphone para redefinilio e ofrecer algo diferente. E xa vos podemos adiantar que o conseguiron.

Deseño, acabado e conexións

O primeiro que destaca deste terminal é o seu deseño; HTC coidou até o último detalle nun dispositivo que combina aluminio, cristal e policarbonato nunha única peza, ofrecendo unha sensación de, efectivamente, ter na man un trebello de grama premium.

Pasando polos detalles, na parte frontal destacan o tamaño do altofalante e o micrófono, que ocupan case toda a parte superior e inferior, respectivamente, un protagonismo que comparten coa cámara frontal e dous sensores que afean un pouco o terminal. Na parte traseira sitúase a cámara con flash LED e unhas bandas brancas de policarbonato que rompen a uniformidade de aluminio cunha razón de peso: a colocación das antenas. No lateral esquerdo temos unha bandexa extraíbel para a microSIM e no dereito os botóns de subir/baixar volume perfectamente integrados. O conector jack sitúase na parte superior do teléfono, xunto ao botón de acendido (cunha ubicación un chis incómoda), mentres que o microUSB queda na parte inferior.

Pantalla

A pantalla que monta este trebello é unha Full HD de 4,7 polgadas 468 ppp, unha densidade de píxeles superiores a outros dispositivos da mesma gama (léase Samsung Galaxy S4 ou Sony Xperia Z). Así mesmo, ten protección Gorilla Glass para evitar as habituais rabuñadas que se producen ao levar o teléfono no peto.

Na práctica, resulta unha pantalla cunha nitidez extraordinaria, do mellor que temos no mercado, algo que destaca cando empregamos o dispositivo para multimedia en alta definición. Así mesmo, ten un brillo axeitado para permitir a visualización en exteriores sen moito problema.

Sistema operativo

Aínda que viu a luz con Android 4.1, agora xa ten Android 4.3, unha actualización que, por certo, vén cun 25 GB en Google Drive de agasallo e a versión 5.5 da interface HTC Sense. Algunhas das cousas máis destacábeis que trouxo Sense con este terminal foi Blinkfeed, que leva á pantalla de inicio información de tempo e hora e un feed coa actualidade que configuremos (redes sociais, novas…).

2013-11-05 13.53.13

Polo demais, atopamos ferramentas como un “modo nenos” ou Car, un modo de uso que simplifica o noso teléfono para cando estamos conducindo, permitindo o control por voz e un acceso doado a mapas, teléfono e música. Así mesmo, resulta curioso que dentro do menú de aplicacións podemos crear carafoles para organizar as aplicacións, de xeito semellante ao que se pode facer en calquera terminal no escritorio.

Screenshot_2013-11-09-23-41-17

Cámara

Moito se falou da cámara do HTC One. Nun momento no que a guerra parecía ir no camiño de ver quen tiña máis megapíxeles chegou HTC falando de ultrapíxeles. A idea que hai destrás desta tecnoloxía é, no canto de usar un único sensor de “x” megapíxeles usar 3 sensores de 4,3 megapíxeles, un por cada compoñente de cor. Con isto conseguen mellores fotografías en situacións complicadas, como por exemplo ao ter pouca luz.

Deixámosvos algunhas mostras:

Tamén destaca da súa cámara a gran cantidade de modos que incorpora, que nos permite sacar fotos en diferentes escenas, con cousas divertidas ou crear pequenos gifs:

2013-11-07 12.44.37

Batería

Cos seus 2300 mAH de capacidade, a batería do HTC One consegue chegar ao final do día sen complicacións, aínda que non un aspecto no que realmente destaque. Malia todo, o fabricante introduxo un modo de aforro de batería co que se pode aumentar a autonomía até nun 50% a costa de reducir a conectividade, vibración da resposta ou os ciclos de CPU.

Screenshot_2013-11-09-23-17-54

Conclusións

Malia que a día de hoxe o HTC One non sexa o terminal máis punteiro da compañía, segue estando no seu top 3. As súas prestacións, como o procesador de 4 núcleos a 1,7 GHz unidos aos 2 GB de RAM fan que sexa un dispositivo que vai tremendamente fluído. Ademais, ten 32 GB de memoria interna, máis que abondos para a práctica totalidade dos usuarios. Destaca tamén a súa compatibilidade coas redes 4G, que se ben aínda están comezando no noso País é un punto máis ao seu favor.

Pareceunos que Sense está moi traballado e non resulta tan pesado como en gamas anteriores de HTC. Así mesmo, aspectos como Blinkfeed aportan un grao de diferenciación sobre a competencia que o fai moi interesante.

Doutra banda, un aspecto que atopamos mellorábel, tal e como comentamos antes, sería de deseño, pois achamos que a colocación do botón de acendido non resulta cómoda para manexar o dispositivo cunha soa man.

O HTC One pódese atopar por uns 450-500 euros, dependendo da tenda na que se colla. Así mesmo, diversos operadoradores tamén o teñen en catálogo con financiamento.

Sobre o autor

No Responses

Reply