LG presentará o primeiro all-in-one con ChromeOS no CES

LG_Chromebase

En xullo de 2009 Google anunciou ChromeOS, un sistema operativo web baseado en Linux, co que pretendía introducir a súa alternativa software para os computadores. Desde aquela foron xurdindo diferente dispositivos (portátiles) que o empregan, aínda que até o de agora ningún foi posto á venda no noso País.

Nos últimos anos, ao tempo que Android ía expandíndose en smartphones e tablets, foron xurdindo diferentes rumores que apuntaban a unha hipotética fusión destes dous sistemas operativos (Android e ChromeOS) para ofrecer desde a compañía do buscador unha solución única aos usuarios. Porén, até o de agora, todos estes ruxeruxe foron desmentidos pola compañía de Mountain View, se ben é certo que a sustitución de Andy Rubin ao fronte da división de Android por Sundar Pichai, quen viña de dirixir ChromeOS e agora compatibiliza ambos cargos, supuxeron un achegamento entre ambos sistemas que podería rematar cunha integración a medio prazo.

A coreana LG volve poñer ChromeOS de actualidade tras anunciar que non vindeiro CES de Las Vegas, que terá lugar nun par de semanas, presentará o seu all-in-one Chromebase, un computador de escritorio con pantalla full HD de 21,5 polgadas e un ángulo de visión de 178º.

Do resto de caracteríticas destaca a inclusión dun procesador Intel Celeron, 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna e portos HDMI-in, 3 USB 2.0, 1 USB 3.0 e RJ45 (cable de rede). A súa webcam é de 1,3 megapíxeles e xa inclúe teclado e rato no pack de venda.

 

Sobre o autor

No Responses

Reply