Analizamos a Huawei MediaPad 10 Link

huawei_mediapad_10_link-635

A miúdo comentamos que existen dous tipos de tablets e que as de menor tamaño adoitan estar orientadas a un uso en mobilidade, mentres que as grandes (10 polgadas) son máis utilizadas en entornos domésticos. Porén, non hai ningunha norma escrita sobre isto e escoller unha ou outra dependerá dos usos que queiramos darlle.

Hoxe traémosovos a análise da Huawei MediaPad Link 10, un dispositivo de 10 polgadas cuxo principal valor é a conectividade WiFi + 4G, o que nos permite darlle uso en calquera sitio que nos atopemos empregando as redes máis rápidas.

Deseño, acabado e conexións

O deseño desta tablet de Huawei caracterízase por ser máis ben sobrio. A pantalla está rodeada dun groso marco negro con bordes e esquinas redondeadas para facilitar a suxección. A parte traseira está rematada en aluminio e plástico, o que achega un aspecto máis robusto e industrial. Nesta mesma traseira sitúanse dous altofalantes que permiten que disfrutemos de son estéreo e a cámara principal.

huawei back

O lateral esquerdo acolle o conector jack 3.5 de audio e a entrada microUSB, que servirá tanto para cargar o dispositivo como para a transferencia de datos. Do outro lado, sitúase o botón de acendido e os controis de volume. Xa na parte superior temos un micrófono e unha pletina que dá acceso ás tarxetas SIM e microSD.

Aínda que as súas dimensións non son esaxeradas e resulta moi manexábel, chama a atención o seu peso (512 gramos), moi superior a outras alternativas da competencia. Isto explícase polo acabado en aluminio e non plástico.

Pantalla e son.

A pantalla IPS que incorpora esta tablet é, como dixemos, de 10 polgadas. A súa resolución acada os 1280 x 800 píxeles, nada destacábel. Iso si, un factor que chama a atención desta é o brillo, xa que permite unha ampla escala que se adapta á luz ambiental, conseguindo unha experiencia de visualización notábel en case calquera situación. Así mesmo, pódense personalizar diferentes aspectos da pantalla, os máis peculiares as opcións de realce ou a selección da temperatura de cor.

A experiencia multimedia complétase co son, outro dos aspectos máis relevantes deste dispositivo xunto á conectividade 4G. Incorpora Dolby Surround, o que fai deste dispositivo o elemento perfecto para disfrutar de multimedia con son envolvente.

Sistema operativo

A tablet vén con Android 4.1.2 Jelly Bean, sobre a que Huawei implementou unha interface propia non demasiado invasiva pero que ten algunha que outra peculiaridade. A máis destacábel é sen dúbida a ausencia dun menú de aplicacións como tal, polo que para acceder á listaxe completa destas debemos desprazarnos cara a dereita.

O pouco software que vén preinstalado é o Kingsoft Office (unha suite ofimática), unha aplicación para controlar o DLNA e o xogo de motos acuáticas Riptide GP. Destaca ademais a posibilidade de usar a tablet como teléfono completo, unha funcionalidade que adoita vir capada neste tipo de dispositivos.

Cámaras

A MediaPad Link 10 incorpora dobre cámara, de 3 e 0,3 megapíxeles, cuxa presenza é anecdótica. Non destacan pola calidade das imaxes que se poden tomar con elas, o cal tampouco é preocupante se temos en conta que non é habitual que usemos un dispositivo deste tipo para sacar fotografías. Para videoconferencias, ambos sensores son máis ca suficientes.

Batería

A batería desta tablet de Huawei é de 6600 mAh, que nas nosas probas déronnos para usar a tablet arredor de 2 días con cada carga, facendo uso de redes móbiles e WiFi.

Conclusións

O procesador que incorpora este dispositivo, un quadcore a 1,5 GHz vén acompañado de 1 GB de RAM e 16 GB de memoria interna. Certamente, malia non ser unhas cifras que chamen a atención en exceso, a tablet ten un moi bo rendemento práctico. Non nos debemos esquecer das súas posibilidades 4G (categoría 4: 150/50 Mbps) e o son Dolby Digital, dous factores que fan bastante apetecíbel a MediaPad Link 10.

A Huawei MediaPad Link 10 pódese mercar por uns 250 euros, un prezo bastante axustado para todas as súas características.

Sobre o autor

Reply