Huawei abre o MWC actualizando os seus dispositivos

IMG-20140223-WA0007

Huawei foi o fabricante encargado de abrir o Mobile World Congress cun evento no que deu a coñecer diferentes dispositivos cos que afronta os primeiros meses do ano e cos que pretende seguir ampliando a súa presenza no mercado europeo, logo de conseguir mudar a súa imaxe de “marca branca” a ser unha entidade con imaxe propia e recoñecida. Neste portfolio inclúese un smartphone, dúas tablets e o seu primeiro wearable.

IMG-20140223-WA0003

Coa mirada posta na gama media-alta, o fabriante chinés presentou o Ascend G6, un smartphone que integra unha pantalla de 4,5 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna que poden ser ampliados por microSD. As súas cámaras son de 8 e 5 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente, e a batería de 2000 mAH.

Este dispositivo estará dispoñíbel en dúas versións, 3G e 4G, aínda que en España só se comercializará o último, que ten un grosor de 7.85 mm, custará 249 €, e estará dispoñíbel no mes de abril.

IMG-20140223-WA0004

No que ten a ver coas tablets, déronse a coñecer dous novos modelos, a MediaPad M1 e a MediaPad X1. Esta última integra os últimos avances da compañía, considerándose o tope de gama.

Ademais de ser a tablet máis delgada do mundo, con apenas 7,18  mm de grosor, a MediaPad X1 integra unha pantalla de 7 polgadas (1200 x 1920 píxeles), con gran nitidez, procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria internadobre. En canto ás cámaras, a principal, de 13 megapíxeles, ten un sensor Sony Exmor R BSI e a frontal de 5 megapíxeles. A súa batería é de 5000 mAh, Custará 399 € e chegará ao mercado en marzo.

Doutra banda, a MediaPad M1 ten unha pantalla de 8 polgadas (800 x 1280), procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de memoria interna e batería de 4800 mAh. Venderase ao longo do primeiro trimestre por 299 €

Finalmente, o wearable presentado foi unha pulseira intelixente que permite levar o control da nosa actividade física (de xeito similar á Fitbit), pero ademais integra características que nos lembran aos reloxos intelixentes, nomeadamente ao Galaxy Gear, como a posibilidade de responder ás chamadas desde o propio pulso. É a Talkband B1 e custará 99 €.

As súas especificacións pasan por unha pantalla flexíbel de 1,4 polgadas, conectividade Bluetooth 4.4 e carga USB. É compatíbel con todos os Android con versións 4.2 ou superior e tamén con iOS. Estará dispoñíbel en negro, gris, branco, amarelo, azul e vermello no segundo trimestre do ano.

Que vos parecen estes novos trebellos?

Sobre o autor

Reply