Analizamos o HP Chromebook 11

chromebook_aberto

Á meirande parte de vós soaravos ternos visto falar dos Chromebook, os portátiles co sistema operativo ChromeOS que Google comezou a distribuír no Google I/O de 2011, aínda que non chegaron a poñerse á venda no noso País. Durante o CES puidemos ver novos trebellos que empregan ChromeOS, comezando a estar tamén presente en ordenadores all-in-one.

Durante o último mes puidemos probar un dos moitos Chromebooks que hai no mercado, o HP Chromebook 11, que hoxe traemos para analizar.

Deseño, acabado e conexións

O deseño do Chromebook de HP está bastante conseguido. Pechado resulta realmente compacto e robusto, acabado en branco cunhas liñas en verde, amarelo, verellas ou azuis, dependendo da cor escollida. Na tapa sitúase un LED alongado coas cores de Google (verde, amarelo, vermello e azul) que se iluminan cando está aceso.

chromebook_pechado

Todos os conectores sitúanse no lateral esquerdo e inclúen un microUSB para carga (acompañado do seu LED), dous portos USB 2.0 e un jack combinado audio / voz. No interior temos o teclado completo (sen ñ), con accesos directos a algunhas das opcións máis habituais. Así mesmo tamén dispón de touchpad se non queremos levar o rato connosco, como nun portátil normal, e cámara VGA.

chromebook_botons

A simple vista non se ven os altofalantes, pois foron agochados baixo o teclado, o que resulta curioso para o seu deseño: conseguen proxectaro son cara diferentes direccións, pero a calidade é normaliña, non destacábel.

Pesa tan só 907 gramos, ten unas dimensións de 297 x 192 mm e un grosor de 1,76 cm.

Características técnicas

O interior do Chromebook 11 integra un procesador Samsung Exynos 5250, dobre núcleo a 1,7 GHz. Dispón de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna (+100 GB en Google Drive durante 2 anos). En xeral este equipamento resulta abondo na meirande parte dos casos, se ben é certo que cando temo abertas moitas pestanas no navegador (>15) nótase que lle chega.

A pantalla, de 11,6 polgadas cunha resolución de 1366 x 768, dispón dun amplo abano cromático, polo que as cores que consegue son bastante realistas. Así mesmo, tamén ten unha boa xestión do brillo e un amplo ángulo de visión, o que amplía as posibilidades de disfrutar do seu contido.

Aínda que a versión que analizamos unicamente ten conectividade WiFi e Bluetooth, existe outra que incorpora ranura para tarxeta SIM, o que permite conectarse a través das redes 3G ou 4G-LTE.

Sistema operativo

ChromeOS é un sistema operativo pensado para usarse conectado á rede e empregar ferramentas na nube. Por iso, cando non hai conexión a Internet o aparello non é máis ca un reprodutor multimedia algo inútil.

chromebook_aberto_apps

Entre as vantaxes de ChromeOS destaca a velocidade, pois desde o acendido só tarda 6 segundos en estar completamente operativo para traballar, instantaneamente se o sistema está en repouso. Isto débese a que na práctica temos o navegador Chrome coas súas aplicacións. Neste senso, se non estamos afeitos a empregar aplicacións de Chrome, cómpre pasarnos pola súa tenda e descubrir o enorme número de ferramentas dispoñíbeis para instalar, que se ben son moi útiles en calquera ordenador nun Chromebook son básicas. Así, por exemplo, podemos ter instalado Gmail sen conexión e acceder á nosa caixa de correo ou escribir mensaxes que se enviarán ao dispór novametne de acceso á rede.

Polo demais, permite facer capturas de pantalla e pequenas modificacións de imaxes cun editor, como recurtes e semallantes, todo moi sinxelo.

Autonomía

Un dos aspectos destacábeis do HP Chromebook 11 é a batería, de 30 Wh,  que achega unha autonomía que varía entre a 5h30m e as 6 horas e algo, dependendo da intensidade que se lle estea a dar, o que fai que sexa un produto idóneo para mobilidade. Resulta moi interesante que o cargador sexa o universal microUSB, polo que poderemos usar o mesmo que empregamos para o noso móbil.

Conclusións

Cómpre non confundirse, un Chromebook non sustitúe a un ordenador normal: con el apenas temos marxe de actividade fóra de Internet, mais aló de xestionar arquivos en cartafoles, reproducir multimedia e algunha que outra cousa menor. Porén, o seu prezo e a comodidade fan que sexa un dispositivo idóneo para xente que está en movemento ou de viaxe a miúdo, e tamén para quen reduza o uso dos computadores a ferramentas en liña.

Custa 279 dólares (203 euros) e se pode mercar, por exemplo, a través de Amazon.

Sobre o autor

3 Comments

  1. Millán 6 Marzo, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 6 Marzo, 2014 Responder
      • Millán 6 Marzo, 2014 Responder

Reply