Á meirande parte de vós soaravos ternos visto falar dos Chromebook, os portátiles co sistema operativo ChromeOS que Google comezou a distribuír no Google I/O de 2011, aínda que non chegaron a poñerse á venda no noso País. Durante o CES puidemos ver novos trebellos que empregan ChromeOS, comezando a estar tamén presente en ordenadores all-in-one.
Durante o último mes puidemos probar un dos moitos Chromebooks que hai no mercado, o HP Chromebook 11, que hoxe traemos para analizar.
Deseño, acabado e conexións
O deseño do Chromebook de HP está bastante conseguido. Pechado resulta realmente compacto e robusto, acabado en branco cunhas liñas en verde, amarelo, verellas ou azuis, dependendo da cor escollida. Na tapa sitúase un LED alongado coas cores de Google (verde, amarelo, vermello e azul) que se iluminan cando está aceso.
Todos os conectores sitúanse no lateral esquerdo e inclúen un microUSB para carga (acompañado do seu LED), dous portos USB 2.0 e un jack combinado audio / voz. No interior temos o teclado completo (sen ñ), con accesos directos a algunhas das opcións máis habituais. Así mesmo tamén dispón de touchpad se non queremos levar o rato connosco, como nun portátil normal, e cámara VGA.
A simple vista non se ven os altofalantes, pois foron agochados baixo o teclado, o que resulta curioso para o seu deseño: conseguen proxectaro son cara diferentes direccións, pero a calidade é normaliña, non destacábel.
Pesa tan só 907 gramos, ten unas dimensións de 297 x 192 mm e un grosor de 1,76 cm.
Características técnicas
O interior do Chromebook 11 integra un procesador Samsung Exynos 5250, dobre núcleo a 1,7 GHz. Dispón de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna (+100 GB en Google Drive durante 2 anos). En xeral este equipamento resulta abondo na meirande parte dos casos, se ben é certo que cando temo abertas moitas pestanas no navegador (>15) nótase que lle chega.
A pantalla, de 11,6 polgadas cunha resolución de 1366 x 768, dispón dun amplo abano cromático, polo que as cores que consegue son bastante realistas. Así mesmo, tamén ten unha boa xestión do brillo e un amplo ángulo de visión, o que amplía as posibilidades de disfrutar do seu contido.
Aínda que a versión que analizamos unicamente ten conectividade WiFi e Bluetooth, existe outra que incorpora ranura para tarxeta SIM, o que permite conectarse a través das redes 3G ou 4G-LTE.
Sistema operativo
ChromeOS é un sistema operativo pensado para usarse conectado á rede e empregar ferramentas na nube. Por iso, cando non hai conexión a Internet o aparello non é máis ca un reprodutor multimedia algo inútil.
Entre as vantaxes de ChromeOS destaca a velocidade, pois desde o acendido só tarda 6 segundos en estar completamente operativo para traballar, instantaneamente se o sistema está en repouso. Isto débese a que na práctica temos o navegador Chrome coas súas aplicacións. Neste senso, se non estamos afeitos a empregar aplicacións de Chrome, cómpre pasarnos pola súa tenda e descubrir o enorme número de ferramentas dispoñíbeis para instalar, que se ben son moi útiles en calquera ordenador nun Chromebook son básicas. Así, por exemplo, podemos ter instalado Gmail sen conexión e acceder á nosa caixa de correo ou escribir mensaxes que se enviarán ao dispór novametne de acceso á rede.
Polo demais, permite facer capturas de pantalla e pequenas modificacións de imaxes cun editor, como recurtes e semallantes, todo moi sinxelo.
Autonomía
Un dos aspectos destacábeis do HP Chromebook 11 é a batería, de 30 Wh, que achega unha autonomía que varía entre a 5h30m e as 6 horas e algo, dependendo da intensidade que se lle estea a dar, o que fai que sexa un produto idóneo para mobilidade. Resulta moi interesante que o cargador sexa o universal microUSB, polo que poderemos usar o mesmo que empregamos para o noso móbil.
Conclusións
Cómpre non confundirse, un Chromebook non sustitúe a un ordenador normal: con el apenas temos marxe de actividade fóra de Internet, mais aló de xestionar arquivos en cartafoles, reproducir multimedia e algunha que outra cousa menor. Porén, o seu prezo e a comodidade fan que sexa un dispositivo idóneo para xente que está en movemento ou de viaxe a miúdo, e tamén para quen reduza o uso dos computadores a ferramentas en liña.
Custa 279 dólares (203 euros) e se pode mercar, por exemplo, a través de Amazon.
Non está mal, pero polo prezo poderían meter una mellor batería (para que destacara nalgo máis). Haberá que ver como se desenvolve, poderías facer un artigo chamado “un mes co meu Chromebook” ^^
Grazas por avisar Iago e moi boa review!
PD: ese fondo é do Chromebook ou puxéchelo ti? É ben bonitiño
Graciñas polo comentario Millán!
A batería a verdade é que rinde bastante ben, mellor do que pensaba, e cumpre co prometido. O problema que acho para que non lle meteran máis é para non incrementar o peso, porque é tremendamente lixeiro, o que o fai ideal para viaxes.
Realmente, aínda que non vaia no título, ese podería ser, pois foi o tempo que andiven con el, usándoo practicamente como ordenador principal e durante máis de 10 días seguidos como único. Nese tempo as únicas eivas que lle achei foi cando necesitei procesar imaxes, que tiven que botar man de servizos en liña non tan eficientes como os programas que podemos ter instalados en Ubuntu, Windows ou Mac. Polo demais, a meirande parte da miña actividade é con ferramentas da rede, polo que sobrado 🙂
O fondo é o que trae por defecto, non o modifiquei porque me gustou moito. Pódelo descargar desde aquí http://www.omgchrome.com/chromebook-hp-wallpaper-full-sized/
Graciñas polo enlace. Terá que pesar pouco é pequerrecho