Analizamos o LG G Pad 8.3

LG G Pad 8.3 - horizontal

Tras algún que outro intento que non se chegara a comercializar no noso País, o regreso de LG ao mundo das tablets prodúxose coa LG G Pad 8.3, un dispositivo a medio camiño entre os dous tamaños estandarizados (7 e 10 polgadas), que tamén ten a súa versión Google Edition, aínda que non se vende na Play Store local. Hoxe traémosvos a súa análise para que a coñezades un pouquiño máis a fondo.

Deseño, acabado e conexións

LG G Pad 8.3 - principal

Comezando co seu deseño exterior, é lóxico facer unha comparación co G2, dispositivo que marcou un antes e un despois na compañía e co que o G Pad 8.3 ten grandes similitudes físicas, aínda que nun tamaño superior. Quizais o rasgo máis destacado e diferencial é a recuperación dos botóns de volume e acendido no lateral (dereito), posto que telos situado na parte posterior (como no G2 ou no G Flex) sería bastante incómodo para o seu manexo.

Na parte superior sitúase o conector de audio jack 3.5 e unha ranura para a tarxeta microSD, á que se accede levantando unha pequena lapela. Na parte inferior temos o conector microUSB a través do que poderemos cargar o dispositivo ou acceder á memoria interna.

LG G Pad 8.3 - traseira

Os acabados son en plástico e aluminio na capa traseira, material que aporta solidez e unha gran sensación de calidade. Así mesmo, os altofalantes sitúanse na parte posterior da tablet, situados na parte dereita, arriba e abaixo, o que nos indica que o dispositivo está optimizado para que disfrutemos do multimedia co trebello en posición horizontal.

Pantalla e son

A  tablet incorpora unha pantalla LCD IPS de 8,3 polgadas e unha resolución de 1920 x 1200 píxeles (273 ppp) e é un dos seus puntos fortes, pois achega moi boa nitidez, gran brillo e cores moi realistas. Nos días que puidemos usala no exterior non tivemos problemas e a experiencia foi boa, aínda que cómpre sinalar que non collimos sol excesivamente incidente para poder facer unha mellor valoración.

A experiencia co son pareceunos un aspecto moi destacábel do trebello, pois a situación dos altofalantes e a súa calidade achegan unha sensación envolvente que namora.

Sistema operativo

Centrándonos no sistema operativo, a tablet vén con Android 4.2.2 e unha de personalización de LG. Será actualizada a posteriores versións do sistema operativo, e aínda que non está en marcha a actualización a KitKat, como xa acontece con algunhas versións do G2, debería haber novas nas próximas semanas.

Centrándonos nas utilidades que LG incorpora ao dispositivo destaca QuickMemo, que permite facer capturas de pantalla editábeis ou as opcións coas que podemos empregar a tablet como mando a distancia. Pero se hai unha aplicación que destaca é QPair, que permite ligar o terminal a un teléfono a través de Bluetooth para acceder a Internet con tethering ou poder contestar ás chamadas que recibamos no smartphone.

GPair

Cámaras

O dispositivo incorpora dúas cámaras, a principal de 5 megapíxeles (sen flash) e a frontal de 1,3. A traseira dispón de boa calidade, aínda que nada que destaque en exceso sobre outras cámaras de similares características, mentres que na frontal vimos mellores resultados, mesmo con pouca luz, o que se agradece á hora de facer videoconferencias.

Batería

A batería é de 4300 mAh, unha capacidade de achega arredor de 10 horas de uso activo (tempo que estamos trebellando nela); este é outro dos valores engadidos nos que LG está a facer un esforzo de mellora, atendendo ás necesidades dos usuarios.

Conclusións

Esta tablet de procesador de catro núcleos a 1,7 GHz e 2 GB de RAM responde con fluidez ás nosas demandas e o certo é que non tivemos ningún momento no que a experiencia non fose boa. Ten 16 GB de memoria interna dos que podemos aproveitar 10, e as tarxetas microSD que admite poden ampliar esta capacidade noutros 64 GB adicionais.

Gustounos moito o seu deseño, cunhas dimensións axustadas que permiten soster comodamente o dispositivo cunha soa man. A conectividade que ofrece é unicamente WiFi, non habendo unha versión que inclúa tamén as redes 3G/4G, o cal botamos un pouco en falta.

A LG G Pad 8.3 está dispoñíbel en dúas cores, branco e negro, por uns 270 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply