O día a día coas Google Glass: análise completa

google glass faro de vigo

Na nosa listaxe de produtos que queríamos probar con detalle as Google Glass ocupaban, sen lugar a dúbidas, o primeiro posto. Malia que no pasado mes de setembro xa tivemos un primeiro achegamento e que durante o MWC de Barcelona volvemos atoparnosaté o de agora non puidéramos levar a cabo unha proba real, é dicir, diaria. Ese foi pois o obxectivo desta análise detallada que estades a ler.

O primeiro é o primeiro

google glass unboxing

Tras recibir as Google Glass o primeiro que fixemos foi o unboxing, que publicamos a semana pasada. Como podedes ver no vídeo, o paquete da versión actual das Glass incorpora, ademais dos lentes, uns cristais de protección solar, funda de transporte, cable microUSB – USB, cargador de parede e un pequeno auricular para o son, que se conecta a través do conector microUSB.

Feita a desembalaxe das Google Glass é o momento de iniciar as configuracións, para o que precisamos instalar no noso smartphone a aplicación MyGlass, que polo de agora hai que conseguir fóra da Play Store, xa que non está dispoñíbel no noso País. Como as Google Glass precisan Internet para ter funcionalidade completa, a aplicación axúdanos a configurar diferentes conectividades: a máis básica é a sincronización co noso terminal para que este lle dea acceso á rede a través de Bluetooth, mais tamén podemos introducir as claves das nosas redes sen fíos WiFI para que no momento que estean dispoñíbeis se conecten a estas.

my glass app

As diferentes funcionalidades da aplicación repártense en catro pestanas, a principal MyGlass, na que temos toda a información sobre as nosas Glass: cando foi a última vez que a empregamos, onde están fisicamente, que Glassware (aplicacións) temos instalado… Tamén permite configurar dez contactos como principais, aínda que se non completamos a listaxe farase automaticamente cos últimos contactados a través de Hangouts.

Do resto de pestanas destaca a denominada Glassware, que vén a ser a Play Store das Google Glass, o mercado oficial de aplicacións, desde onde poderemos instalar aquelas que nos parezan máis interesantes. Tamén ten a posibilidade de facer screencast, é dicir, reproducir no móbil en tempo real o que se está a amosar na pantalliña das Glass.

Como usalas e que podemos facer con elas

google glass

O uso das Google Glass é moi sinxelo e realmente intuitivo. Tras acendelas conéctanse automaticamente ao noso móbil ou á rede WiFi, quedando nun estado de reposo desde o que as poderemos espertar cun movemento de cabeza ou dando un toque na patilla. Nese momento amosarásenos a hora e o comando “Ok Glass”, co que poderemos comezar a traballar.

Cómpre sinalar que non todas as aplicacións funcionan a partir do OK Glass e simplemente amosaran información cando teñan algo que dicir, como se fosen tarxetas de Google Now. É o caso das aplicacións de xornais.

Poñendo como pantalla de inicio a que nos indica a hora e convida a interactuar cun OK Glass, desprazándonos cara a esquerda (pasando o dedo pola patilla) vemos tarxetas con información de Google Now, como as do tempo, calendario, resultados deportivos… aínda que tamén hai unha especial para configuracións, onde podemos ver o estado da batería, as conexións, información do dispositivo e seleccionar que detecte automaticamente que poñemos as Glass, entre ouras.

Se imos cara a dereita temos unha liña de tempo (timeline) de todo o que fomos facendo nós (un email recibido, unha conversa de Hangouts, unha foto que sacamos…) e das aplicacións que amosan información por si mesmas. Cando hai novidades recibiremos un aviso sonoro e, activando as Glass, poderemos ver de que se trata. Algúns exemplos:

  • New York Times. Amosa unha tarxeta con catro novas destacadas. Entrando nela poderemos desprazarnos polos diferentes titulares e, no caso de desexar ampliar a información dalgunha nova en concreto podemos pedirlle que nola lea en voz alta.
  • Gmail. Con cada mensaxe recibida apareceranos unha tarxeta na que se nos amosa, se está dispoñíbel, a imaxe de perfil do emisor e o asunto do correo. Poderemos pedirlle ás Glass que lean en voz alta o contido e responder ditándolle a mensaxe.
  • Twitter. Ao termos unha mención notifícasenos e poderemos favoritizala, retweetala ou responder empregando a nosa voz.

Mais se cadra o máis coñecido (e máis activo) das Google Glass son as opcións que podemos activar por voz desde a pantalla inicial; espertando os lentes cun OK Glass ábresenos o menú co que poderemos continuar a frase e crear unha acción de voz completa.

glass menu

A cantidade de opcións deste menú depende das aplicacións que teñamos instaladas, as máis destacadas son as que incluímos para esta análise.

Ok Glass…

… google… Poderemos formular preguntas concretas “Quen é Barack Obama?” “Canto son 25 euros en dólares?” “Que tempo vai en Londres?” En xeral os resultados son bastante precisos, adoita servirse da Wikipedia para resaltar os datos concretos, aínda que non ten unha resposta específica para todo. Se queremos ampliar a información case sempre poderemos acceder a unha versión web.

… take a picture / … record a video Seguramente serán as funcións máis empregadas, ou polo menos as máis cotiás:

Logo de sacar unha foto ofrécensenos novas opcións ás que, novamente, accederemos cun OK Glass. Neste senso, poderemos envialas a alguén ou compartilas a través das redes sociais.

No caso dos vídeos, de xeito predeterminado só grava fragmentos de 10 segundos, aínda que poderemos ampliar este tempo unha vez iniciada a gravación. Cando xa o temaños feito poderemos compartilo a través de diferentes ferramentas.

… send a message to… / … make a call to… / … make a videocall to… Diferentes formas de comunicarnos, por mensaxe, por voz ou con vídeo a través de Hangouts. Funciona realmente ben, sobre todo o ditado de voz para as mensaxes, aínda que nos hangouts de video a través da rede móbil a calidade redúcese bastante. Aínda así parécenos unha funcionalidade moi interesante e diferenciadora.

… post an update… Se queremos actualizar as nosas redes sociais podemos facelo con este comando, tras o que debemos seleccionar a rede (basicamente Twitter) e ditar a mensaxe.

… record a recipe / … find a recipe for… Esta é unha aplicación de AllTheCooks que nos dá a posibilidade de gravar as nosas propias receitas e cociña, incluíndo fotos e texto, ou ver as que subiron outros usuarios. Resulta moi divertida e curiosa, pois é moi cómodo cociñar tendo sempre “a ollo” as indicacións e as mans libres.

google glass cooking

… play a game with… Así accedemos a unha colección de minixogos que buscan sacar partido do acelerómetro, podendo, pro exemplo, pelotear ao tenis ou tentar manter obxectos virtuais en equilibrio sobre a nosa cabeza.

… listen to… Indicando unha canción, artista ou álbume buscará na nosa conta de Play Music para reproducirnos o que queremos escoitar.

… show a compass Amosa unha brúxula que, conforme vaiamos xirando sobre nós mesmos , iranos amosando en que dirección estamos a mirar.

… translate this Seguramente é unha das aplicacións máis alucinantes, xa que a través de realidade aumentada permítenos captar un texto coa cámara para traducir sobre a propia imaxe e en tempo real entre diferentes idiomas.

glass tradutor

glass tradutor traducido

… get directions to… A navegación funciona realmente ben, amosando diferentes posibilidades ás buscas e opcións para ir en coche, a pé ou con transporte público, de xeito similar ao que fai Google Maps.

Tamén podemos ver a ruta completa antes de saír, para non ter que volver mirar a pantalla durante todo o traxecto, pois xa se encarga de irnos guiando por voz cada vez que teñamos que facer algún movemento.

glass direccions mcdonals solicitude

glass direccions mcdonals principe

glass direccions mcdonals chegada

Conducir coas Google Glass

Ligado á ultima funcionalidade comentada, a navegación, está a condución. Polo de agora o seu uso non está regulado no noso País, aínda que imaxinamos que se establecerá unha algunha norma unha vez que o uso deste tipo de trebellos sexa máis habitual.

iago varela google glass drivingDurante os días que probamos os lentes de Google puidemos comprobar que, tal e como afirmaba o buscador no seu decálogo de mitos sobre as Google Glass, non supoñen un elemento de distración da vida real, tampouco para conducir. O feito de que a pantalla quede por riba do ollo deixa sempre libre a liña de visión e o uso de comandos de voz para as accións que podemos precisar mentres estamos ao volante permítenos interactuar cos lentes sen termos que sacar as mans do mesmo ou tan sequera mirar para elas.

Cunha secuencia “Ok Glass… take a picture… Ok Glass… Share with… Twitter” sacaremos unha foto e compartirémola na rede de microblogging sen sacar ollo da estrada nin despegar as mans do volante.

glass ponte de rande

glass twitter

Neste senso consideramos que as Glass abren moitas posibilidades á hora de conducir, pois as súas características fanas moito máis interesantes ca un GPS que temos que ter como segunda pantalla no vehículo.

A cámara das Google Glass

Aínda que non se coñecen as especificiacións con detalle, o sensor da cámara das Google Glass é de 5 megapíxeles, con posibilidade de gravar a 720p. En xeral consegue bos resultados, aínda que en ambientes con pouca luminosidade a calidade baixa sensibelmente polo feito de non dispór de flash.

google glass flickr

Podedes ver as imaxes en maior resolución na galería que colgamos neste albume de Flickr.

Conclusións

Tras unha semana coas Google Glass e logo de ir detallando ao longo do artigo as diferentes cousas que podemos facer con elas, cómpre facer unha conclusión sobre as mesmas, nas que tentaremos centrarnos naqueles aspectos que como norma xeral máis preocupan aos usuarios.

iago varela google glass vigo

Non estamos ante un produto final. E nótase. A versión actual é un prototipo, unha beta pública, e a final variará bastante con respecto á presente. Isto non quere dicir que non funcionen ben, ao contrario, pero si que existen moitos puntos por pulir antes de poida ser lanzada ao público, que nos fai dubidar se teremos unha versión comercial este ano, sobre todo se temos en conta o recente lanzamento Android Wear, sistema ao que (seguramente) evolucionarán as Glass.

Co tema do deseño pasa un pouco o mesmo: aínda que a versión actual é moito máis compacta ca os prototipos orixinais, pensamos que aínda pode mellorar, e de seguro que os recentes acordos con fabricantes como Ray Ban e Oakley darán os seus froitos nas próximas semanas. Durante a nosa experiencia movéndonos pola rúa, zonas comerciais e facendo vida normal diaria constatamos certa curiosidade, xente que mira a ver que é o que levas na cabeza ou que comentan entre eles cousas tipo “hostia, unhas Google Glass!“. Porén, en ningún momento tivemos problema algún ao relacionarnos nos establecementos e ninguén se sentiu molestado por estar a usalas en público.

Preocupábanos bastante a duración da batería ante tanto comenario do escasa que era; porén tendo bastante actividade conseguimos unhas 8 horas de autonomía máxima usándoas para todo tipo de quefaceres, aínda que cando se gravan vídeos longos decrece rapidamente.

A transmisión do son a través do sistema óseo facilita non ter que levar uns auriculares; polo xeral o volume adoita ser abondo, mais cando estamos en ambientes ruidosos ou ao carón dunha estrada con tráfico descubrimos a necesidade de usar o auricular accesorio.

glass direccions guixar

Unha eiva un tanto frustrante é a ideomática, pois polo de agora só se poden empregar en inglés. Isto a priori pode parecer que non é un problema para calquera que teña uns coñecementos básicos da lingua de Shakespeare, mais éo: os nosos ditados por voz (xa sexan mensaxes de Hangouts, emails, actualizacións en redes sociais…) só se poden facer nese idioma, aínda que o aspecto máis frustrante atopámolo ao pedir indicacións de mapas, onde entenderá á perfección cousas xenéricas ou nomes ingleses (McDonald’s, train station, Police…), mais non rúas concretas, pola falta de soporte lingüístico.

Para rematar, incidimos na idea das moitas posibilidades que nos ofrecerán produtos como as Google Glass para mellorar a nosa calidade de vida, xa non só desde un punto profesional, onde as posibilidades son case infinitas, senón tamén para persoas con discapacidades (mobilidade reducida, problemas de visión…) ou calquera que precise (ou desexe) recuperar as mans.

Ás Google Glass quédalles aínda un longo camiño por percorrer, mais iso si, están na dirección e sentido correctos.

Agradecemos a Ismael Reyes, de RedInputque nos tivese prestado este dispositivo para facer a análise que vides de ler.

Sobre o autor

4 Comments

  1. artai 9 Abril, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 10 Abril, 2014 Responder
  2. Aprofa 4 Maio, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 4 Maio, 2014 Responder

Reply