Smartphones mini ou smartphones compact?

Samsung-Galaxy-S4-mini-Sony-Xperia-Z1-Compact

Dende hai un par de anos vimos falando moito das versións mini dos terminais tope de gama, que adoitan ser algo máis reducidos en tamaño, aínda que tamén ven recurtadas as súas especificacións técnicas. Esta moda iniciouna Samsung cunha versión reducida do Galaxy S III, o Samsung Galaxy SIII mini, aínda que sería replicada por outros fabricantes como LG, que recentemente deu a coñecer o seu G2 Mini.

Porén, este ano vimos un movemento diferente que chegou da man de Sony co lanzamento do Xperia Z1 Compact; trátase dun dispositivo que concentra as características do Xperia Z1 orixinal nunha pantalla de 4,3 polgadas.

Sony-Xperia-Z1-Compact

Se deixamos de lado o prezo, plantexámonos unha cuestión: cal é a estratexia máis axeitada para os fabricantes, ter unha versión mini ou unha versión compact?

Logo de vermos a evolución do mercado nos últimos meses semella que a opción mini é a máis acaída; atopámonos con que para sacarlle o máximo partido a un terminal tope de gama é importante termos unha pantalla arredor das 5 polgadas. Esta é a opción escollida pola maioría das persoas que consumen moito contido multimedia, xogos ou precisan ferramentas específicas de traballo nos seus trebellos, sendo moi poucos os que se decantan por un terminal de menos de 4,5 polgadas.

Daquela… é necesario que existan trebellos de gama alta con pantallas pequenas? Seguramente non, pois os usos dun dispositivo que permiten exprimir a fondo as súas prestacións precisan unha pantalla medianamente grande, polo que as versións mini son máis que suficiente para os usos para os que foron concebidos. Tampouco debemos deixar pasar que determinadas tarefas non resultan cómodas de levar a cabo en pantallas pequenas unha vez que probamos dispositivos de pantalla maior, como a propia navegación web.

vergelijking-lg-nexus-5-vs-samsung-galaxy-s4-mini

Agora ben, a miúdo atopámonos con malas estratexias de prezo nas versións mini, que saen á venda por cantidades pouco axeitadas en comparación con outras opcións do mercado, sobre todo se temos en conta a existencia da familia Nexus, nomeadamente do Nexus 5. Por poñer un exemplo, o Samsung Galaxy S4 Mini púxose á venda por 360 € (agora pódese atopar por bastante menos), tendo a opción do Nexus 5 por 349 €.

A evolución dos terminais vai parella á evolución de usos que lles damos todas e todos nós a estes trebellos. Hai uns anos considerabamos imprescindíbel termos un teclado físico, mais agora son poucos os usuarios que se decantan por dispositivos con estas características. As pantallas máis grandes son a nova evolución lóxica á que todos nos estamos a sumar.

Que pensades vós? Preferides as versións mini ou as compact?

Sobre o autor

Reply