Analizamos o Moto X

Moto X

A orde de distribución dos dispositivos que fixo Motorola en Europa foi un tanto curiosa, pois malia que o Moto X foi presentado antes, o primeiro en chegar ao noso mercado foi o exitoso Moto G, segundo dispositivo dado a coñecer na época en que Lenovo pertenceu a Google.

Hoxe pasa polas nosas mans este dispositivo que case poderíamos considerar un membro máis da saga Nexus, tanto polas súa especificacións como pola súa experiencia software. Vexamos que deu de si o Moto X.

Deseño, acabado e conexións

A primeira impresión tras sacar o Moto X da caixa é que estamos ante un dispositivo que malia non ser pesado resulta bastante consistente, cun deseño compacto e unha sensación de tacto tremendamente agradábel.

A súa parte frontal está dominada pola pantalla, aínda que co micrófono excesivamente marcado para o noso gusto. A parte traseira simula un acabado rugoso (unha mágoa que no noso País non poidamos personalizalo co co Moto Maker) bastante chulo e nela atopamos a cámara co seu Flash e unha pequena fendidura co logotivo da casa que non ten máis ca valor estético.

Moto X traseira

O lateral dereito acolle os botóns de acendido/apagado e controis de volume, mentres que no esquerto atopamos a rendixa na que introduciremos a tarxeta nanoSIM (si, nanoSIM). Na parte inferior temos o conector microUSB e na superior o jack 3.5 de audio e un micrófono cancelador de ruído.

Pantalla

A pantalla do Moto X é un panel AMOLED de 4,7 polgadas, cunha resolución 720p (316 ppp), algo inferior ao que estamos acostumados nestas gamas de produto. Porén, a experiencia é bastante positiva en contornas con luminosidade normal, aínda que en exteriores con luz directa do sol reflexa demasiado para unha visualización cómoda.

Moto X pantalla activa

Cando temos notificacións e temos o móbil en repouso, actívase un modo pantalla activa, que nos avisa de xeito intermitente para que prestemos atención ao aparello, como sustitución do LED. O certo é que pensabamos que este efecto repercutiría nun desgaste importante da batería, pero nada máis lonxe da realidade.

Sistema operativo

Como comentabamos ao comezo do artigo, o Moto X ofrece unha experiencia moi semellante á liña Nexus, non só porque emprega a última versión de Android cun sistema de actualizacións case inmediato, senón porque apenas ten personalizacións do fabricante.

Ok Google Now

A escasa diferenza software cun Nexus é a integración do sistema de pantalla activa que comentabamos no apartado anterior, ao que temos que sumar tamén a escoita activa. Isto tradúcese en que co terminal en repouso podemos activalo dicindo “Ok Google Now” seguido do que queremos facer:

  • OK Google Now, despiértame a las 8 a.m (pon a alarma para as 8 da mañá).
  • OK Google Now, abre Twitter (abre a aplicación Twitter).
  • OK Google Now, ¿cuanto mide el Everest? (dá a resposta en metros).

A outra mellora fronte Android stock é Motorola Assist, un sistema que nos permite estabecer pautas de conduta, como programar horas de sono nas que non queremos ter notificacións (ou só de certos contactos, ou cando alguén chama 2 veces, etc), así como manexar o dispositivo en diversos escenarios.

Cámara

A cámara é quizais o apartado no que máis coxea este trebello. A principal dispón dun sensor de 10,5 megapíxeles, cunha apertura f/2.6 e tecnoloxía Clear Pixel, que permite captar un 75% máis de luz; pola súa banda, a frontal é de 1,4 megapíxeles. Os resultados teñen unha calidade máis que aceptable en exteriores, aínda que en ambientes escuros redúcese moito (sen ser fotos malas).

Eis uns exemplos:

Batería

A batería é de 2200 mAh e ofrece unha autonomía de máis ou menos día e cuarto para un uso esixente, algo que consegue grazas ao bo rendemento do seu procesador e á pantalla, pouco esixente en canto a consumo de enerxía.

Conclusións

En termos globais, o Moto X é un bo dispositivo, cunhas prestacións acaídas e unha espectacular fusión hardware – software que nos lembra aquilo de que a potencia sen control non serve de nada. En efecto, o X integra un procesador de dobre núcleo a 1,7 GHz e 2 GB de RAM que moven o terminal con total fluidez.

Entre os seus puntos fortes están a conectividade 4G que nos permite conectarnos ás novas redes móbiles e, sobre todo, a integración de Android stock e o sistema de actualizacións. Pola contra, o prezo  (arredor dos 320 €) é algo excesivo se temos en conta a súa cámara e a a pantalla, dous aspectos que poderían ser mellorados en próximas versións.

Sobre o autor

No Responses

Reply