Analizamos o HTC One (M8)

htc one m8

O ano pasado HTC captou as miradas co One, un terminal co que rompeu moldes intentando reiventarse para ofrecer un produto diferenciador e pensado para o público máis esixente. Este ano, desde os primeiros rumores dun sucesor para este dispositivo até a súa presentación HTC deu moito que falar. Estivo á altura das espectactivas co terminal deste ano? Para poder dar resposta a esta pregunta, traémosvos a nosa análise do HTC One 2014 ou HTC One (M8).

Deseño, acabado, conexións

Nun momento tan importante como o que está a vivir Android, cun importante portfolio de dispositivos de gama alta, as principais diferenzas atopámolas máis no deseño ca no software. Neste senso, parece haber unha lea de materiais, basicamente plástico, cristal e aceiro. HTC apostou no seu One (M8) polos acabados neste último material, o cal achega sensación de dispositivo premium e limpeza ante as pegadas, aínda que pola contra aumenta considerabelmente o seu peso.

htc one m8 traseira

O One (M8) é un dispositivo que segue a liña do seu precedesor no apartado estético, aínda que internamente mellora notabelmente as súas especificacións. A parte dianteira integra a pantalla e uns xenerosos marcos tanto laterais como (e sobretodo) superior e inferior, que alonga en exceso o terminal e o fan máis incómodo de manexar cunha man. O altofalante frontal e o micrófono están integrados nunha longa e vistosa rexiña.

O lateral esquerdo acolle unha bandexa extraíbel na que podemos introducir unha tarxeta microSD para aumentara a memoria interna e o dereito a correspondente á tarxeta nanoSIM xunto aos controis de volume. Na parte superior está o botón de acendido, unha posición moi incómoda para o tamaño do terminal, e xa na parte inferior temos o microUSB e o conector jack 3.5.

Está protexido coa certificación IPX3, que soporta salpicaduras ou que o usemos coas mans molladas, aínda que non é sumerxíbel.

Pantalla

A pantalla do One (M8) é un dos seus aspectos máis destacados. Conta cunha diagonal de 5 polgadas, cunha densidade de 441 ppp e protección Gorilla Glass. A súa luminosidade é de 490 nits, polo que a experencia en calquera ámbito é superior.

Integra a activación con dobre toque, como o LG G2, algo que se agradece tendo en conta a incómoda posición do botón de acendido, como xa comentamos anteriormente, e diversos xestos para axudar na empregabilidade do teléfono.

Sistema operativo

No apartado de sistema operativo, o terminal de referencia de HTC saiu á venda coa última versión dispoñíbel de Android 4.4 e a súa interface Sense 6, aínda que a invasión non é excesiva. O que máis destaca neste senso é a integración de Blinkfeed, o feed no que podemos integrar as nosas redes sociais e outras fontes RSS para ter unha cascada de novas presentadas de xeito moi visual e diferenciador.

htc one m8 blinkfeed

Relacionado co software, o fabricante comercializa unha funda intelixente que amosa as notificacións con grandes iconas aproveitando a pantalla, coa que ademais podemos interactuar mediante xestos para, por exemplo, descolgar á hora de recibir unha chamada.

Cámara

A cámara é outro dos aspectos diferenciadores deste terminal de HTC, non só pola presenza do dobre sensor traseiro, senón tamén pola cantidade de opcións que manexa para o tratamento da imaxe. Así mesmo, tamén destaca pola súa rapidez, cun modo ráfaga capaz de tomar até 20 imaxes para podermos seleccionar a posteriori a que máis nos convenza.

O segundo sensor, chamado Dúo, serve para tomar datos de profundidade que serán combinados coa imaxe que toma o principal, permitindo que poidamos fedellar unha vez sacada o fotografía para variar o enfoque

Resumindo, en condicións ideais a cámara ofrece grandes resultados, pero no momento en que nos desviamos destas condicións sitúase un paso por detrás dos seus competidores.

Deixámosvos algúns exemplos:

Entre os aspectos avanzos, destaca a posibilidade de facermos unha película automática a partir das fotos que temos sacado (Zoe), quedando montadas dun xeito bastante chulo.

Batería

Como moitos outros terminais de alta gama, o HTC One (M8) emprega batería interna non extraíbel. Neste caso é de 2600 mAh, aínda que quedan un pouco curtos, xa que a autonomía real ofrece un día de uso. Porén, dispón dun modo de aforro de enerxía co que se aumenta considerabelmente a vida do dispositivo, aínda que a costa de reducir drásticamente o brillo e o rendemento.

Conclusións

Cunhas especificacións na liña da gama alta Android (procesador de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis, conectividade LTE…) o HTC One (M8) é un terminal á altura da gama premium, cuns acabados excelentes, un rendemento envexábel e unha pantalla superior.

Porén, entre os aspectos a mellorar pola compañía está o deseño; ao noso entender faise necesario recurtar, e moito, os marcos, sobre todo en dispositivos con pantallas tan grandes, ademais de pensar na recolocacións das botoeiras.

Podemos atopar o HTC One (M8) arredor dos 600 euros en numerosas tendas en liña.

Sobre o autor

No Responses

Reply