Os agasallos do Google I/O ao longo da historia: que caerá este ano?

google io 2014

O mércores comeza o Google I/O, a cita anual para desenvolvedores de Google na que veremos importantes novidades de cara o futuro de Android e dos servizos que ofrece Google.

Porén, desde un punto de vista máis maruxeiro, o evento adoita ser lugar no que Google reparte a todos os asistentes suculentos agasallos, que se ben é certo que ninguén vai aló por estes, axudan a compensar a inversión no custe das entradas. Tamén vos diremos que moita xente acaba por poñer en eBay os produtos aló conseguidos, en ocasións a prezos de escándalo pola primicia ou por quedar descatalogados.

google-io2009-phone

Na primeira edición, no 2008, non houbo agasallo, pero si no 2009, cando os 4000 desenvolvedores asistentes levaron un T-Mobile myTouch 3G (HTC Ion). Tratábase dun dos primeiros smartphones Android, cuxas especificacións hoxe en día semellan de risa: pantalla de 3,2 polgadas, cámara de 3,2 megapíxeles, procesador a 528 MHz, 192 MB de memoria RAM e 512 MB de memoria interna, iso si, ampliábeis por microSD.

No 2010 as espectativas eran evidentes e Google non defraudou. Os asistentes de fóra dos Estados Unidos levaron un Nexus One, o primeiro terminal da saga Nexus, mentres que aos americanos tocoulles un Motorola Droid. Ademais, todos eles conseguiron un HTC Evo 4G. A mellora de especificacións dos trebellos nun ano de evolución foi importante, lembremos por exemplo as 3,7 polgadas, procesador a 1 GHz, 512 MB de RAM e 512 MB de memoria incluídas no Nexus.

google io 2011

Chegamos ao 2011 e a cousa foi a mellor. Quen aló foi levou para casa unha tablet Samsung Galaxy Tab 10.1, un portátil Chromebook Samsung Series 5 e un hotspot MiFi de Verizon. Daquela Samsung non tiña competencia en canto ás gamas altas de Android e, digámolo claro, eran uns regalazos. Pensemos que aquel ano as tablets aínda estaban a nacer e os Chromebooks eran un futuríbel (lembremos que aínda chegan oficialmente ao noso País este verán).

agasallos google io 2012

Se pensabamos que a cousa non podía ir a mellor… estabamos equivocados. No 2012 o tema foise de madre e Google gastou uns 1200 dólares por asistente (4000) en agasallos. O pack incluía un smartphone Galaxy Nexus, unha tablet Nexus 7, un Nexus Q e un Chromebook de Samsung. Destaca o Nexus Q, xa que foi descatalogado antes de saír á venda, polo que os asistentes quedaron cun agasallo de importante valor sentimental (para quen non o vendeu en eBay, claro).

google io 2013

O ano pasado, 2013, especulábase con que puideran caer unhas Google Glass, mais non foi así. Google moderouse en número, mais non en valor, agasallando un Chromebook Pixel valorado en arredor de 1300 dólares. O portátil destaca por unha pantalla táctil de gran resolución (2560 x 1700), aínda que tamén integra 4 GB de RAM e 32 GB de memoria interna.

As quinielas para este ano están abertas, aínda que é evidente que o pack integrará algún dos reloxos con Android Wear. A pregunta é: Moto 360 ou LG G Watch?

Que vos parecen este tipo de agasallos? Credes que é bo que Google faga estes movementos entre os desenvolvedores que acuden á cita? Que outras cousas pensades que regalará este ano Google?

Sobre o autor

No Responses

Reply