Moto 360, LG G Watch e Samsung Gear Live: toda a información dos primeiros reloxos con Android Wear

samsung gear live

Ao longo das últimas semanas fomos sabendo case todo sobre os reloxos que estrean Android Wear, a versión lixeira de Android orientada á tecnoloxía de vestir. Aínda que Motorola e LG foron claras desde o primeiro momento e mesmo amosaron todo tipo de información dos seus dispositivos, outros como Samsung agardaron a última hora.

Esta tarde, por fin, foron desveladas as poucas incógnitas que faltaban e xa temos os tres primeiros smartwatches que estrean Android Wear: son o Motorola Moto 360, o LG G Watch e o Samsung Gear Live.

Moto 360

O Motorola Moto 360, cuxas especificacións finais non foron dadas a coñecer, foi o primeiro en ser anunciado hai xa varias semanas, e será o último en pórse á venda, máis adiante este verán. É o único que, polo de agora, integra unha pantalla circular

Captura de pantalla de 2014-06-25 18:20:02

Dispón de carga inarámica e acabados premium diferenciais fronte a outras dúas alternativas.

LG G Watch

Pola súa banda, a alternativa de LG apúntase ás formas cadradas, cunha pantalla de 1,65 polgadas e resolución 280 x 280 (240 ppp). No seu interior atopamos unha memoria RAM de 512 MB e 4 GB de memoria interna. A súa batería é de 400 mAh, que se traduce en arredor de 36 horas de autonomía.

lg g watch

É resistente a salpicaduras e suciedade, e a conectividade para conectarse ao noso smartphone é Bluetooth 4.0. Tamén cómpre sinalar que dispón de modo Always On, polo que en calquera momento poderemos comprobar a hora sen ter que pulsar ningún botón.

O LG G Watch estará dispoñíbel desde hoxe mesmo na Play Store, aínda que o seu prezo non foi desvelado.

Samsung Gear Live

Samsung non é unha empresa primeiriza nisto dos reloxos intelixentes, desde que no pasado ano anunciase o Galaxy Gear (con Android), que sería renovado polo Gear 2 e Gear Fit, perdendo polo camiño a denominación Galaxy (a.k.a. con Android), xa que viñan con Tizen. Agora parece que queren volver tentalo con Android Wear e novo Gear Live.

g live

As súas especificacións veñen a ser as que confirmamos onte á noite: pantalla Super AMOLED de 1,63 polgadas (320 x 320), procesador a 1,2 GHz, 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna. A súa batería é de 300 mAh e dispón de certificación IP67 fronte auga e pó.

Ao igual ca o LG G Watch, estará á venda desde hoxe na Play Store.

Como puidéchedes observar, poucas diferenzas hai entre as especificacións dos diferentes dispositivos, polo que decidirse por un ou outro dependerá dos nosos gustos ou preferencias en canto a marcas. Cal é o que máis vos gusta?

Sobre o autor

One Response

  1. Xabier 25 Xuño, 2014 Responder

Reply

Deixa una resposta a Xabier Cancelar a resposta