Analizamos o LG G Watch, un dos primeiros reloxos con Android Wear

LG G Watch Gmail

Android Wear foi un dos pratos fortes do último Google I/O, un evento que nesta edición estivo moi centrado en levar Android a todas as pantallas que nos arrodean. Aínda que non houbo presentacións de trebellos como tal, a cita serviu para oficializar tres smartwatches (o LG G Watch, o Samsung Gear Live e o Motorola Moto 360) que inician o camiño dunha moda que chegou para quedar.

Pola nosa mesa de análises vén de pasar o LG G Watch, a alternativa de LG, que tras algo máis dunha semana de uso deixounos moi boas sensacións, malia ser mellorábel nalgúns aspectos como veremos máis adiante.

Deseño, acabado e conexións

O LG G Watch non destaca especialmente polo seu deseño. Non é un trebello feo, nin moito menos, mais tampouco é algo tan esteticamente atractivo como – segundo parece – será o Moto 360. As súas dimensións están moi conseguidas, cunhas medidas de 37.9 x 46.5 x 9.95, polo que non chama a atención ao levalo no pulso, mentres que o seu peso, 63 gramos, fai que sexa un dispositivo cómodo.

LG G Watch posto

O que máis chama a atención é a ausencia de botóns; non teremos que preocuparnos de acender ou apagar o dispositivo, xa que se queda sen batería con tan só poñelo na base de carga xa se activa. Isto non saca de que, efectivamente, teña un punto accesíbel con algo puntiagudo (semellante aos botóns de reset) na parte interior que serve para apagalo /acendelo. Na parte inferior atopamos un minimicrófono que servirá para todos aqueles usos que requiran a introdución de voz, mentres que na parte traseira atopamos o punto de carga.  A correa, de goma, está dispoñíbel en varias cores para aumentar as posibilidades de personalización, pero se queremos ir un paso máis aló debemos saber que se lle pode poñer calquera correa de reloxo de 22 mm.

LG G Watch traseira

O apartado de conexións limítase a Bluetooth, único xeito para sincronizarse co noso smartphone; doutra banda, cómpre destacar a súa resistencia á auga e ao pó segundo o estándar IP67, que permite pequeno somerxementos ou ducharnos con el posto.

Pantalla

O trebello integra unha pantalla IPS LCD de 1,65 polgadas que se mantén permanentemente activa, aínda que atenuada mentres está en repouso para reducir o gasto enerxético. Un tic co dedo ou o movemento do pulso actívaa a toda cor, ofrecendo un brillo abondo que nos permite visualizar os contidos perfectamente, mesmo cando o sol incide directamente sobre ela.

O seu tamaño pareceunos axeitado: abondo para o seu cometido e non excesivamente grande para que o reloxo, considerado globalmente, sexa cómodo no pulso. O fabricante decidiu non arriscar e apostar por unha forma cadrada, o mesmo ca Samsung, fronte á alternativa circular que chegará con Motorola.

Sistema operativo

Android Wear é unha pequena variación de Android simplificada, eliminando o que é prescindíbel nun wearable e mellorando algúns aspectos como o consumo enerxético. Para sacar todo o partido a un trebello con Android Wear é preciso instalar a aplicación homónima no noso móbil, que empregaremos a primeira vez que conectemos o noso móbil ao reloxo ou para modificar algúns axustes, como as aplicacións predeterminadas para levar a cabo diferentes accións.

LG G Watch bolsa

Os avisos que recibiremos no dispositivo Android Wear aparecerannos como tarxetas de Google Now. De feito, moita información vai aparecendo automaticamente conforme a precisamos: citas de calendario, reservas de hoteis ou voos, o tempo, información da hora local e na casa se estamos no estranxeiro, avisos de cumpreanos, resultados deportivos… do mesmo xeito, tamén lanzará as notificacións, todas as que recibamos no noso teléfono, podendo levar a cabo máis ou menos accións segundo estean adaptadas ou non para Android Wear.

LG G Watch pasos

Co comando “Ok Google” poderemos facer preguntas, buscas, o cousas semellantes aos comandos de voz para Google Now que xa levamos tempo empregando no noso teléfono. Algúns exemplos: pedirlle que active a alarma, que amose indicacións para chegar a un determinado lugar ou apuntar un recordatorio, opcións moi interesantes cando temos as mans ocupadas.

O LG G Watch tamén conta os pasos, ofrecéndonos os datos cun histórico diario e permitindo marcarnos obxectivos a cumprir, no camiño de que este tipo de dispositivos sirvan para axudar a coidar a nosa saúde a través de Google Fit.

Batería

A batería do G Watch é de 400 mAh, unha capacidade non excesivamente ampla, pero que permite unha autonomía de día e medio ou dous no mellor dos casos (non é habitual). Neste senso cremos que aínda é posíbel mellorar; pode que sexa por non estarmos acostumados a cargar un reloxo practicamente a diario, pero o certo é que non é o típico trebello do que queiramos ter unha dependencia enerxética tan grande.

LG G Watch cargador

En calquera caso, o proceso de carga é rapidísimo, aínda que como nota negativa está a dependencia dunha base de carga e non dun cable microUSB directamente.

Conclusións

O trebello integra un procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna, unhas especificacións bastante superiores ás que realmente precisa, polo que o funcionamento é totalmente fluído.

Como centro de notificacións é un dispositivo excelente: calquera que recibamos no noso smartphone transmitirase por Bluetooth ao reloxo, podendo descartala (desaparecendo tamén do móbil) ou facer máis ou menos opcións segundo a aplicación sexa compatíbel ou non con Android Wear.

LG G Watch Twitter

Por exemplo, se recibimos un email, Hangout ou WhatsApp (a versión beta xa é compatíbel con Wear), podemos ler o contido que nos envían e responder ditando a mensaxe, que se transcribirá a texto automaticamente antes de enviarse. No caso de Twitter, teremos acceso ás iteracións e, a través dos menús, poderemos responder (novamente, mediante ditado de voz), retweetear, etc. Neste senso cremos que Android Wear aínda está un pouco verde, mais a listaxe de aplicacións compatíbeis está a medrar día a día coa chegada de máis e máis aplicacións adaptadas aos reloxos Wear.

Tras andar con el máis dunha semana podemos dicir que é o dispositivo perfecto para manternos conectados e non andar perdendo o tempo mirando o teléfono. Cun smartwatch optimizamos o noso tempo e melloraremos a nosa produtividade. Porén, no lado dos aspectos negativos, bótase de menos dispór de máis aplicacións ou funcionalidades extra como unha cámara coa que poder levar a cabo máis accións.

O LG G Watch ten un PVP na Play Store de 199 €, aínda que en tendas como MobileFun pódese conseguir por 191,49 €. De todos os xeitos, LG está a realizar ofertas de compra conxunta co G3 coas que sae gratis, sendo o complemento ideal para dito smartphone.

Sobre o autor

5 Comments

  1. Diego López 4 Agosto, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 4 Agosto, 2014 Responder
      • Diego López 4 Agosto, 2014 Responder
  2. Jorge Lama 17 Agosto, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 17 Agosto, 2014 Responder

Reply