LG L Fino e L Bello: cando as gamas medias e baixa empezan a facerse premium

lg l fino lg l bello

Non é doado facer un terminal que cumpra as famosas 3 B’s (bo, bonito e barato), sobre todo cando falamos das gamas media e baixa, aínda que o certo é que cada vez vai sendo máis habitual atopármonos opcións de calidade e ben de prezo.

Neste senso LG, que está a renovar todo o seu catálogo de smartphones inspirándose no LG G3, vén de dar a coñecer as súas apostas para estas gamas: son o LG L Fino e o LG L Bello. Ambos os dous teñen un acabado premium e un deseño que inclúe o botón único na parte traseira, así como formas redondeadas e escasos marcos (aínda que maiores ca no G3) para mellorar a experiencia de sostelos na man.

lg l bello

En canto a especificacións, o LG L Bello incorpora unha pantalla IPS de 5 polgadas con resolución FWVGA (854 x 470, 196 ppp), procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, aínda que ampliábeis por microSD. As súas cámaras son de 8 e 1 megapíxeles e a batería de 2540 mAh. Estará dispoñíbel en negro, branco e dourado.

lg l fino

Pola súa banda, o LG L Fino vén cunha pantalla de 4,5 polgadas e resolución 800 x 440 (207 ppp). O seu procesador é de catro núcleos a 1,2 GHz, ten 1 GB de RAM e 4 GB de memoria interna, ademais de ranura para tarxetas microSD. Neste caso a cámara principal é de 8 megapíxeles e a frontal VGA, mentres que a batería queda nos 1900 mAh.

Os dous trebellos incorporan Android 4.4.2 Kitkat, ademais da capa de personalización de LG. Serán presentados no IFA de Berlín e chegarán nun primeiro momento (comezos de setembro) a América Latina, para máis adiante dar o salto a Europa.

Sobre o autor

No Responses

Reply