Analizamos a tablet Wolder miTab Evolution W2

wolder mitab evolution w2

A comezos de xullo Wolder renovou completamente o seu portfolio de tablets, presentando novos dispositivos entre os que atopamos a Wolder miTab Evolution W2 que hoxe analizamos. Nun momento no que temos ducias de alternativas a escoller neste tipo de trebellos, atopamos na diferenciación un posíbel factor de éxito, algo que a compañía soubo imprimir neste produto que se comercializa cun teclado físico Bluetooth que fai ás veces de protetor de pantalla, co que temos un accesorio que ademais de mellorar a nosa produtividade diaria resulta útil para o seu transporte, sen termos que facer gastos a maiores.

Deseño, acabado e conexións

A parte frontal da tablet é similar a de outros modelos do mesmo tamaño, onde a pantalla fica rodeada por uns xenerosos marcos, necesarios para non situar as mans por riba dela cando estamos a disfrutar de contido multimedia. Nel unicamente temos a cámara frontal, situada na parte superior. A parte traseira do dispositivo integra a cámara principal e o altofalante.

wolder mitab evolution w2 5

Tanto os botóns (acendido e control de volume) como os puntos de conexión (tarxetas TF, auriculares, corrente, HDMI e microUSB) sitúanse nun dos lateriais, perfectamente identificados, como podedes ver na fotografía superior.

As súas dimensións son de 270.8 x 174 x 9.4 mm e ten un peso de 650 gramos. Os acabados son en plástico, moi suave ao tacto, con bordes redondeados que fan que a experiencia de tela nas mans sexa positiva.

Pantalla

A pantalla é un panel HD de 10.1 polgadas, cuxa resolución nominal é de 1280 x 800 píxeles. Malia que podería ter sido superior, o certo é que o bo brillo e a viveza das cores calman a nosa necesidade dunha maior nitidez. É bastante precisa e con resposta rápida, aínda que como punto negativo cómpre dicir que é bastante amiga das pegadas dos dedos, que quedan notabelmente marcadas sobre ela.

Sistema operativo

Unha das vantaxes da tablet é a vez un pequeno inconvinte: vén con Android 4.4 Kitkat sen capas de personalización do fabricante, aínda que iso si, incluŕon libros e accesos directos a cousas deles non demasiado relevantes. Porén, esta limpeza tamén ten o seu punto negativo, xa que non atopamos aplicacións optimizadas para o trebello que fagan uso da pantalla como si que fan outros fabricantes, polo que unicamente disporemos das aplicacións da Play Store.

wolder mitab evolution w2 3

Cámara

A cámara principal, situada na parte traseira, é de 2 megapíxeles e non ten flash, mentres que a frontal ten un sensor VGA. Son cifras modestas e a calidade das fotos que podemos tomar con elas é escasa. A presenza de ambas é anecdótica e poden sacar dun apuro, pero se realmente queremos sacar fotos con ela (alguén quere sacar fotos cunha tablet?) non nos servirán de moito.

Batería

A batería é de 6000 mAh, unha capacidade que lle dá unhas catro horas de reprodución de vídeo coa pantalla permanentemente acesa, segundo datos do propio fabricante. Para un uso habitual de traballo ou navegación acadaremos entre xornada e media e as dúas xornadas sen moito problema, segundo as nosas probas.

O teclado físico

Como comentabamos ao comezo, a tablet distribúese cun teclado Bluetooth completo que mellora a experiencia de introducir texto. Dispón da súa propia batería interna incorporada, pero a diferenza doutras solucións semellantes como as de Asus, este non aumenta a autonomía da tablet, senón que cada dispositivo, teclado e tablet, teñen baterías independentes.

wolder mitab evolution w2 4

O teclado serve ademais de funda ríxida para o transporte, protexendo a pantalla, a parte máis sensíbel da tablet. Unha vez postos xuntos quédanos un dispositivo compacto e doado de transportar.

Conclusións

A Wolder miTab Evolution W2 é un trebello moi atractivo para aquelas persoas que busquen un híbrido entre portátil e tablet ou un dispositivo manexábel. As súas prestacións son modestas (procesador de catro núcleos ARM Cortex A9 a 1,4 GHz, 1 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por tarxetas microSD); porén responde positivamente e sen moito lag ante as peticións de potencia habituais, aínda que lle costa un pouco mover grandes aplicacións ou xogos un pouco potentes.

wolder mitab evolution w2 2

Outro gran atractivo deste produto  é o seu prezo, pois véndese en 179 €, incluíndo o teclado, polo que a súa relación calidade / prezo é sobresaínte. Podémola adquirir tanto na tenda en liña como en tendas físicas.

Deixa un Comentario