Samsung presenta o Galaxy Note 4

galaxy note 4

O segundo episodio do Samsung Unpacked 2014 vén de servir de escenario para descubrirmos o novo modelo da liña Galaxy Note, concretamente o Samsung Galaxy Note 4, un dispositivo que chega apostando pola potencia como principal punto forte.

O novo trebello incorpora unha pantalla de 5,7 polgadas, sendo o primeiro da compañía en estrear a resolución WQHD, con 2560 x 1440 píxeles. En canto a procesadores atopámonos con dúas configuracións, un con Snapdragon 805 de catro núcleos a 2,5 GHZ e outro con octa core Exynos 5433 a 1,3 GHz (4 Cortex A53 e 4 Cortex A57). Dispón de 3 GB de memoria RAM e diversas opcións de memoria interna (16 / 32 / 64 GB), ampliábeis por microSD de até 128 GB. Ademais é compatíbel coas redes 4g _ LTE Cat 6, como as que está a despregar Vodafone.

No apartado das cámaras, na principal apostan por un sensor propio, como aconteceu co Samsung Galaxy S5, de 16 megapíxeles con establizador de imaxe. Por outra banda, a súa batería é de 3220 mAh con posibilidade de carga rápida (50% en 30 minutos).

interface

En canto a sistema operativo, vén con Android 4.4.3 KitKat, que loxicamente será actualizábel a futuras versións; así mesmo destaca novamente a capa de software que Samsung desenvolveu para este trebello, que vai un paso máis aló da súa personalización TouchWiz, mellorando a experiencia multiventá e cos xa coñecidos AirCommand, Action Memo e S-Finder.

mont blanc

O S-Pen segue a ter neste modelo un grande protagonismo, existindo tamén versións premium para os usuarios máis demandantes, como son os deseñados por Mont Blanc.

O novo Samsung Galaxy Note 4 estará dispoñíbel en catro cores (branco, negro, ouro e rosa) por un prezo que podemos estimar nos 699 euros.

2 Comentarios

  1. Fco Javier Fernandez 3 Setembro, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 4 Setembro, 2014 Responder

Deixa un Comentario