Estamos estancados?

A semana pasada estivemos facendo un importante seguimento da IFA 2014, unha feria na que se deron a coñecer novos terminais de gama alta, mais tamén dunha gama media que medra. Entre outras propostas destaca Motorola e os  Novo Moto G e Novo Moto XSamsung co Galaxy Note 4 e Galaxy Note Edge e Sony e os seus Xperia Z3 e Z3 Compact.

Porén, tamén temos esa sensación de ver un pouco máis do mesmo. Os terminais sufren unha lixeira evolución (moi lixeira en casos como o serie Z de Sony) sobre os modelos que os preceden e non acaban de aportar algo realmente novidoso.

Nesta IFA, en canto a terminais, o punto innovador púxoo Samsung co Galaxy Note Edge: a pantalla ten unha curvatura no extremo dereito do dispositivo e esta conta con funcionalidades propias. Igual non chega a ningures nin pasará a ser un estándar que outras marcas acabaán por copiar. Malia todo, novidoso si que foi.

E ese é o punto. Cada día custa máis, a nível de hardware, atopar algo sorprendente. O camiño pasa por meterlle potencia bruta e pantallas con resolucións impresionantes, ao tempo que a autonomía vai chegando lentamente, e só a terminais moi determinados; pero neste punto dase un paso adiante e dous atrás, como está pasando co LG G3 e LG G2. O tamaño máximo pensamos que xa o acadamos, 6 polgadas.

Doutra banda, non negamos o traballo das áreas de enxeñaría por optimizar os terminais. E iso nótase, constatando unha melloría xeral na experiencia de usuarios desde hai uns anos. Pero agora que? Seguramente a confirmación deste estancamente chegue coa aposta de todos os fabricantes por gadgets que funcionan arredor do smartphone. reloxos, smartbands, lentes, … o smartphone segue sendo o núcleo do ecosistema, pero a chegada destes outros trebellos serve para non ter que ter o terminal constantemente na man e interactuar moito coa voz.

A estas alturas a gama alta está nun momento tal que cada novo dispositivo presentado non aporta nada que xustifique o seu prezo; por iso, se estamos pensando en mudar de terminal, deberíamos considerar máis ca nunca elixir un gama alta da xeracion anterior, posto que terá unha baixada de prezo considerábel respeto ao seu lanzamento, cubrindo as nosas necesidades sobradamente.

Algo moi diferente é o que acontece nas gamas medias e baixas; agás honrosos exemplos como o Moto G, ao resto quédalles moito por mellorar.

Que pensades vós que nos queda por ver a curto prazo?

Sobre o autor

Reply