LG Wine Smart: os teléfonos “cuncha” seguen de moda… en Corea

Anos atrás os chamados teléfonos cuncha estaban de moda, e tiñamos ducias de opcións para elixir. Falamos deses dispositivos que, xeralmente, dobran pola metade deixando agochada a pantalla e o teclado. Porén, a chegada das pantallas táctiles condenou a estes trebellos ao esquecemento na Europa, aínda que seguen a ser habituais en Corea e outro países asiáticos.

lg wine smart - 2

LG vén de presentar o novo Wine Smart, un trebello que seguramente non chegue a saír de Corea, un dispositivo que vén con Android 4.4 KitKat como sistema operativo. No seu interior atopamos un procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM e 4 GB de memoria interna ampliábeis.

A súa pantalla, táctil, é de 3,5 polgadas e resolución 480 x 320 píxeles. A cámara principal é de 8 megapíxeles, mentres que a frontal é unha simple VGA. Ten 1400 mAh de batería e conectividade LTE.

Como vedes, estamos a falar dun dispositivo modesto en canto a prestacións, mais seguro que moi útil para o nicho de mercado que demanda este tipo de terminais. Gústanvos?

Deixa un Comentario