Sigma Evo, o novo terminal da galega Primux

O fabricante galego Primux Tech lanzou o pasado mes de xuño o Primux Sigma, un dispositivo de gama media que gozou de boa acollida entre os clientes desta compañía con base en Ourense. Por iso veñen de lanzar o Sigma Evo, unha evolución que mellora algúns aspectos do trebello, aínda que mantendo o prezo.

primux sigma evo

A principal evolución céntrase na pantalla, que agora incorpora un cristal DragontrailTM, altamente resistente ás rabuñadas, impactos e torsión, xunto a unha base de pantalla fabricada por LG, un panel de 5 polgadas IPS HD Truly de resolución 1280 x 720. Porén, esta non é a única mellora no dispositivo, que tamén incorpora un novo sistema reducción do ruído que illa o ruído ambiente da voz.

Polo demais, o Sigma Evo integra un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de memoria interna e batería de 2300 mAh. A cámara principal é un sensor Sony de 13 Mpx, mentres que a frontal fica nos 3 Mpx de resolución. Vén con Android 4.4, KitKat, totalmente limpo.

Que vos parece este novo dispositivo con selo galego? Tivéchedes algún trebello da compañía?

Sobre o autor

Reply