Analizamos o Samsung Gear Fit, o mellor wearable de Samsung

gear fit hora

Cada vez é máis habitual que pasen pola nosa mesa de análises wearables e outros complementos para os nosos smartphones e tablets. Hoxe queremos falarvos da que seguramente sexa a mellor posicionada, a Samsung Gear Fit, a medio camiño entre smartwatch e pulseira, con Tizen como sistema operativo. Vémola polo miúdo?

Deseño, acabado e conexións

O Gear Fit ten un deseño realmente atractivo, moito máis próximo a unha pulseira ca a un reloxo ao uso ou comos os outros membros da familia Gear. Destaca a súa pantalla, pola súa forma alongada e curva, integrada á perfección coa pulseira, formando así un corpo único realmente bonito.

gear fit peche

A correa ten un fixador moi cómodo e doado de pechar, ao mesmo tempo moi seguro. Así mesmo, adáptase practicamente a calquera grosor de pulso, xa que ten moitos buratiños de fixación. O punto negativo está en que non é intercambiábel con outras correas, a lo menos de forma doada.

Dispón dun único botón, situado no lateral dereito, que serve para activar e desactivar a pantalla, aínda que se pode programar algún uso extra. Na parte posterior ten o lector de pulso e o punto de carga. A conexión co teléfono faise a través de Bluetooth.

gear fit sensor

Os acabados son en plástico e metal, o que lle dá certa sensación de calidade extra. É resistente á auga, polo que se queremos non temos nin que sacalo para nos duchar.

Pantalla

A pantalla é un dos elementos a destacar do Gear Fit. Está fabricada con tecnoloxía OLED curva, polo que se adapta perfectamente á forma do noso pulso. Ten un tamaño de 1,84 polgadas con resolución 128 x 432 píxeles e brillo abondo para poder visualizala con comodidade tanto en entornos interiores coma exteriores.

O panel é táctil e neste senso sorprendeunos o ben que responde, mesmo estando mollado. Pódese seleccionar tanto o visionado en vertical (máis cómodo para ver desde a perspectiva habitual dun reloxo), como horizontal. Para activar esta pantalla podemos premer o botón físico do trebello ou xirar o noso pulso co xesto de mirar a hora, a opción máis cómoda e habitual que usaremos no día a día.

Sistema operativo e funcións

Cos seus wearables, deixando de lado o Gear Live, Samsung está mirando de darlle saída ao sistema operativo Tizen no canto de elixir Android Wear. O seu aspecto é certamente bonito e responde de xeito fluído ás nosas iteracións. Mais, que podemos facer cun trebello como o Gear Fit? As posibilidades de partida son básicas, mais a pouco que xoguemos con el poderémolo configurar para que sexa unha ferramenta útil e básica no noso día a día.

Obviamente, o Gear Fit é un reloxo no que podemos mirar información básica como a hora, data ou o tempo atmosférico, configurando diferentes visualizacións para priorizar o que máis nos guste ou usemos. Ten cronómetro e conta atrás como funcións extra, accesíbeis directamente desde o menú do trebello.

gear fit deporte

Por outra banda, é un cuantificador de actividade; de xeito nativo fai de podómetro, contando os nosos pasos diarios e sincronizándoos con S Health, onde podemos marcarnos retos (por exemplo, 10.000 pasos diarios). Así mesmo, monitoriza a nosa actividade, podendo elixir entre catro tipos de modalidades (sendeirismo, ciclismo, carreira ou paseo), unha función da que gustamos moito, xa que podemos ver en todo momento distancias, tempos e calorías queimadas, xunto con información do noso pulso cardíaco e o mapa do percorrido realizado.

Como outras pulseiras, a opción de Samsung ofrécenenos a posibilidade de medir as nosas horas de sono, indicando o tempo total que temos activado este modo e o que pasamos inmóbiles, que se considera sono profundo.

Outro apartado interesante é a opción de control multimedia, xa que como wearable pensado en certa medida para facer deporte, a opción de servir de mando para xestionar a reprodución de música á hora de, por exemplo, saír correr é fantástica. Ademais, funciona con diversas aplicacións, incluíndo Spotify.

gear fit notis

Finalmente cómpre falarmos das notificacións, unha función básica. Podemos seleccionar a través da aplicación as notificacións das aplicacións que queremos recibir no noso pulso. Esta función é moi útil, xa que de cada unha vibra e nos amosa unha previsualización, aínda que non poderemos facer gran cousa con elas, xa que dependemos do smartphone para, por exemplo, contestar unha mensaxe.

Batería

A batería é sen dúbida un dos puntos fortes do trebello. Ten unha capacidade nominal de 210 mAh, que a priori non parece moito. Porén, chega aos 3 dáis de funcionamento completos sen ningún problema, e todo iso cun grande volume de notificacións e cuantificando actividade física.

Neste senso cremos que Samsung fixo un grande traballo, xa que aínda que moleste, estamos acostumados a cargar o noso smartphone todas as noites. Pero se temos que facer o mesmo co reloxo ou se este non chega ao día (como acontecía co Moto 360), a experiencia de usuario é mala.

Conclusións

O Gear Fit é sen dúbida o mellor wearable de Samsung, e posibelmente unha das mellores opcións no mercado: ten un rendemento espectacular, cumpre coas funcións que se agardan el e é resistente á auga, algo básico a día de hoxe.

gear fit

Malia todo, ten un gran punto negativo: só é compatíbel con certos modelos de Samsung (moitos, iso si), aínda que ben é certo que existe un hack grazas ao cal se pode usar extraoficialmente noutros Android.

A Gear Fit pódese mercar por 99 €, o que sen dúbida é un gran prezo para un dispositivo que dá tanto de si.

One Response

  1. simpleNewz - Mallando no Android | Mallando no Android RSS Feed for 2014-10-10 10 Outubro, 2014 Responder
  2. Rubenix 12 Outubro, 2014 Responder

Deixa un Comentario