Resultados do Experimento de Desconexión

smartphone off

Propuxemos un reto ás e aos nosos seguidores: vivir unha semana afastados de smartphones e redes sociais, facer unha viaxe a o pasado. Éramos conscientes de que non pediamos algo doado, mais finalmente 9 valentes, 8 homes e unha muller, apuntáronse a vivir unha experiencia diferente.

Para acotarmos un pouco máis o perfil dos participantes salientaremos algúns datos: tivemos unha media de 31 anos, usuarios de smartphones de gama media – alta que se autoconsideran moi activos co móbil e que consumen arredor de 1 GB de datos móbiles ao mes. As razóns que os levaron a participar foron do máis diverso, aínda que probarse a un mesmo foi o motivo principal para a meirande parte deles. Con esta perspectiva de partida, e a modo de spoiler intencionado, diremos que 6 aguantaron o reto durante toda a semana, dous durante 6 días e un tan só 3.

Prohibir o uso das redes sociais e da mensaxería instantánea tipo WhatsApp foi unha complicación a maiores. Moitos de nós acostumamos a revisar as nosas redes cada vez que collemos na man o noso teléfono ou abrimos o navegador no PC, aínda que os nosos participantes aseguran que non tiveron ese problema: tan só 2 fixeron algo por conterse para evitalo.

Permitímoslles, iso si, que antes de comezar con este enclaustramento social avisaran a quen criran convinte, de cara a non asustar á xente pola súa ausencia. A meirande parte deles notificaron a súa participación a pais, parella, amigos próximos e redes de clientes.

O primeiro día

Desde fóra pareceunos moi interesante coñecer a experiencia do primeiro día dos participantes, máis que nada polo choque que supuña. Tratábase de comezar un luns afastados dos teléfonos intelixentes e das redes sociais. Como lles foi?

Dous dos participantes levárono moito mellor ca o resto, aínda que isto ten unha explicación sinxela: coincidiulles con outras preocupacións maiores, un de viaxe e outro mudando a súa residencia. Porén, os máis deles sufriron un cambio radical e tiveron que esforzarse por controlar os impulsos que os levaban a empregar funcións básicas como WhatsApp ou a cámara, prohibidas durante este tempo. Destacan o aburrimento xeral nas tardes libres, que moitos empregaron para poñer ao día series ou ver pelis, así como non ter os 15-20 minutos de redes sociais antes de ir a traballar / pórse durmir ou as esperas sen nada que facer.

IMG_20140929_000223

Tamén notaron o cambio no xeito de comunicarse, onde as chamadas ganaron protagonismo. “Decateime de que escribir SMS é un coñazo” , dinos un. O correo electrónico adquiriu protagonismo e un gran móbil no peto para só chamar ou mandar SMS parecía algo inútil.

Cheguei a pensar ‘o experimento é unha parvada, cago-en-mi-máquina, a cousa sería reducir o tempo nas redes sociais, non eliminalo por completo’. Como un ionqui estaba…

A semana

Superado o Día 0, algúns xa se adaptaron á nova vida, levando peor o tema de non ter redes sociais nin sistemas de mensaxería instantánea gratuítas. Houbo quen afirmou sentirse totalmente fóra da sociedade, outro que apunta o malestar dalgún contacto por terlle que escribir por SMS.

Non podo vivir sen WhatsApp, síntome totalmente fóra da sociedade, dos eventos… e incluso creo que perdería o contacto con algunhas persoas

Os cambios de hábitos foron drásticos para moitos. Houbo quen tivo que tirar do rueiro da guía telefónica para atopar unha oficina bancaria e ir aló facer xestións ou perder máis tempo na parada do bus urbano por non poder consultar a aplicación de transporte. O tempo libre foi empregado por moitos para ler o libro en pepel pendente, outros recuperaron os xornais tradicionais para informarse. Pero recoñezámolo, non todo foi tan divertido, e as esperas foron para moitos un verdadeiro martirio.

Varios destacan volver disfrutar de verdade das xuntanzas sociais, sen distracións de móbiles riba da mesa, prestando atención plena a quen tiñan diante mentres compartían un café, algo que lles serviu non tanto para pensar en desconectar pero si para reducir o nível de enganche que temos aos móbiles.

Non nos extranou á hora de avaliar os resultados que o que máis botaron de menos os participantes durante a semana foron as redes sociais (Twitter), seguidas moi de preto polas aplicacións de mensaxería, nomeadamente WhatsApp. A cámara, dicionarios e tradutores e saber a que andaban os amigos foron outras das preocupacións máis habituais.

Do outro lado, o que menos botaron en falta foi o propio smartphone. As parvadas e os grupos de WhatsApp tamén entraron no grupo dos non-botados-de-menos.

Daste conta que dá igual que che quede o teléfono na casa. De pouco serve sen Internet

No que practicamente todos coinciden é en destacar a autonomía dos seus trebellos; algún non tivo que cargar máis dunha vez o seu dispositivo durante a semana.

As redes sociais

A práctica totalidade dos participantes confésanse usuarios moi activos no Twitter. Facebook é a segunda rede máis empregada por eles e Google+ ocupa o terceiro lugar en número, aínda que non en importancia para varios deles.

Entre os usos que lles dan destaca comunicarse, informarse da actualidade, ver que fan as amizades e gastar o tempo de lecer. Case todos coinciden en dar importancia a Twitter fronte o resto, algo que se reflexa nos resultados despois da Experiencia, onde case todos coinciden en botar moito de menos Twitter e en atopar Facebook ou Instagram moi prescindíbeis.

Preguntámoslles polos cambios na percepción sobre as mesmas logo dunha semana sen consultalas e curiosamente un terzo asegura que non lles aportan tanto como pensaban e que mesmo contribuían a un afastamento, máis que achegalos aos contactos. Máis da metade plantéxase tomalas con máis calma e mesmo pechar algunha que agora atopan irrelevante. O resto, pola contra, afirma valoralas igual ou mellor ca antes da experiencia.

Descubrín que podo pasar de Facebook e de Instagram, non me aportan gran cousa. Pero Twitter… sen Twitter non quedaría

A meirande parte deles non precisou alternativas para o entretemento, aínda que para informarse houbo quen engadiu unha ligazón a Menéame nos favoritos do navegador ou quen recorreu aos telexornais.

Aplicacións de mensaxería

WhatsApp é a aplicación de mensaxería instantánea máis empregada polos participantes, seguido moi de preto por Hangouts e Facebook Messenger, ademais de Telegram, en moito menor medida. Como alteranativa, as chamadas e SMS volveron ter grande protagonismo, mentres que o uso do correo electrónico desde o computador foi a opción menos socorrida.

Isto tivo tamén unha repercusión nos gastos, que varios estiman nuns 10 € extra na factura por non contar con tarifas planas de chamadas e SMS, aínda que pola contra outros agradecen precisamente ter unha tarifa plana con minutos incluídos que antes non gastaban (como no la meten aí as operadoras, eh?)

 A produtividade

Unha semana sen as distracións que supón un teléfono conectado á rede faríanos pensar a priori nunha mellora sustancial da produtividade. Pero foi así?

Catro deles coméntannos que non, que fixeron máis ou menos o mesmo de sempre e que souberon buscar novas formas de procrastinar. Algún asegura que o non ter móbil fíxolle ter que empregar un ordenador para facer cousas que antes amañaba co trebello, perdendo máis tempo do habitual.

O resto asegura todo o contrario: que si, que non ter que estar pendentes do teléfono, ao saber que realmente non ían ter nada que mirar, fixo que estiveran máis centrados e pendentes das tarefas realizar, tanto no traballo coma nos estudos.

Daquela… mellor ou peor sen móbil?

As opinións distribúense a partes iguais entre os que pensan que a experiencia fíxolles decatarse da dependencia que sufrían dos terminais, tanto para unha información permanente (e innecesaria?) como para a comunicación coas amizades, e os que pensan que a Experiencia serviulles para ser máis produtivos, recuperar o contacto directo coa xente e esquecer preocupacións.

E que pasou ao regreso?

Do mesmo xeito que consideramos crucial o primeiro día, tiñamos certo morbo por saber como fora o regreso ao MundoRealTM, que foi o primeiro que fixeron. Os máis deles comezaron polas redes sociais, twitteando o regreso antes de bulir a comprobar as mensaxes pendentes do Facebook e outros comezaron a responder os centos de WhatsApps acumulados.

Gustounos o frikismo de dous que confesaron disfrutar de ver como o smartphone case toleaba entre tanta notificación entrante e actualizacións pendentes.

Concluíndo…

Como puidéchedes ler, os nosos participantes atoparon vantaxes e inconvintes a estar desconectados. Se fixéramos unha lectura xeral dos datos a conclusión sería que estaría ben baixarmos o ritmo da dependencia co smartphone, aínda que non deixalo apartado por todas as vantaxes que nos supón.

Malia que un 50% dos participantes pensou en abandonar nalgún momento, todos menos un coinciden en calificar a experiencia de interesante e caralluda, e case todos se apuntarían a unha segunda experiencia. Mesmo hai quen di que debería ser de máis tempo para que fose unha desconexión!

E vós, seríades capaces?

Sobre o autor

No Responses

Reply