Aplicación Android gañadora do premio ao mellor PFC con Licenza Libre

O pasado 17 de outubro tivo lugar na Cidade da Cultura a entrega da VII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Oficina de Software Libre do CIXUG. O gañador do premio foi a aplicación para o cálculo de rutas Open Trip Planner creada por Vreixo González. A app de Vreixo é unha plataforma de código aberto para a planificación de viaxes a través de varias axencias coma por exemplo, entre as liñas de trens, buses ou mesmo puntos de bicicletas de cidades coma Ferrol ou A Coruña. Para ilo segue un modelo cliente-servidor a través do acceso aos puntos de información necesarios mediante o uso dunha API REST de terceiros. OTP basease nos estándares de datos abertos coma GTFS para o tránsito e OpenStreetMap.

Cálculo de rutas con Open Trip Planner

Cálculo de rutas con Open Trip Planner

Entre as súas características principais destacan:

  • Planificar viaxes a través de autobús, bicicleta, a pé e que están ligados entre si, é dicir, viaxes multi-modais.
  • Opción de rutas a pé ou en bicicleta, onde poderemos indicar que tipo de tramo queremos facer: rápido, chairo ou “bo para as bicis” onde procurará que non nos atopemos moito tráfico na ruta.
  • Opcións para cambiar a accesibilidade para cadeiras de rodas, ou marcar máxima distancia a pé.
  • Itinerario de viaxe con marcadores para mostrar información do lugar e hora das paradas e cunha lista de instrucións paso a paso.
  • Dado que nos tránsitos das liñas aparecen os horarios, temos a opción de indicar a que hora comezar a ruta.
  • Opcións para a procura de varios puntos de interese.

Outro proxecto finalista con desenvolvemento para Android e a maiores engadindo accesibilidade foi a app Ok-Oh! de Damián Arangunde. Ok-Oh! é unha ferramenta de axuda á audición mediante o uso de dispositivos móbiles. Esta app é unha solución económica, de fácil acceso e alta usabilidade para persoas con perda auditiva ou discapacidade auditiva. Solución para aquelas persoas que carecen de acceso a un mercado de solucións auditivas e excesivamente caras coma o óptico.

ok oh

A ferramenta ofrece un aumento de volume e filtrado de son de forma que o usuario percibe de maneira mais alta e clara o son importante do entorno no que está. O smartphone capta mediante os micrófonos o son, filtrando ca maior brevidade posible e emitindo ben sexa polos cascos, a suite de mans libres ou dispositivos wearables. O requisito mínimo de Ok-Oh! é Android 2.3.3 Gingerbread.

Entre outros proxectos finalistas, a aplicación Radioco de Iago Veloso recibíu o premio de Gpul. Radioco trátase dun sistema de grabación de radio automática usando unha Raspberry Pi e unha plataforma web con calendario para a programación da radio. Outros proxectos finalistas do programa son a rede para o almacenamento distribuído e confiable TDSoup de Santiago Saavedra e a ferramenta de Mantemento Áxil de David Albela.

Tedes o código e documentación de todos os proxectos con licenza libre presentados no concurso na Forxa de Mancomún.

Deixa un Comentario