Cables? Olvídaos, son cousa do pasado. Archos reinventou os wearables cun gadget que realmente serve para vestir. Falamos do Archos Music Beany, un gorro de punto con Bluetooth integrado ideal para os fríos días de outono e inverno que vimos de probar, cuns resultados máis ca convincentes.
A idea detrás deste peculiar complemento é termos un sistema de mans libres sen auriculares propiamente ditos, xa que non teremos que meter nada nas orellas: simplemente poñendo o gorro, mirando de situar sobre cada orella un altofalante (que están agochados no propio gorro), xa poderemos gozar de audio sen fíos.
O seu funcionamento é moi semellante a calquera outro mans libres Bluetooth, polo que xa podedes imaxinar que a configuración é moi sinxela. buscamos dispositivos Bluetooth nos arredores e sincronizamos. A partir de aí poderemos reproducir música no noso smartphone, controlándoa cuns sinxelos mandos + / – e play / pause situados nun dos laterais.
O trebello tamén pode empregarse como mans libres para atender chamadas; ao recibir unha entrante tan só debemos premer o botón “play” para comezar a falar, xa que integra un micrófono pensado para tal fin.
A calidade do audio é bastante boa, sobre todo tendo en conta que os auriculares non están dentro das orellas, aínda que no caso da voz durante as chamadas había que elevar bastante o ton para que o noso interlocutor nos escoitase con nitidez, algo pouco axeitado para usar pola rúa.
En canto a autonomía, a batería é de longa duración, chegando ás 8 horas de reprodución ininterrumpidas. Cárgase a través dun punto microUSB situado onde os controis de audio.
Non cabe dúbida que moda e tecnoloxía teñen que ir da man para que os wearables sexan exitosos e realmente, curiosidades á parte, o Archos Beany Music cumpre esta cualidade. Está dispoñíbel por 29,99 € en diferentes cores.
Que vos parece?