Analizamos o Motorola Moto X (2014)

moto x 2014 fronte

En maio tivemos a oportunidade de probar o Motorola Moto X, un trebello con grandes aspiracións e experiencia Nexus con algún que outro engadido. Coincidindo co pasado IFA de Berlín, a compañía agora en mans de Lenovo presentou o sucesor, o Motorola Moto X de segunda xeración, que vén de pasar polas nosas mans. Queres saber como nos foi con el?

Deseño, acabado e conexións

Desde o momento de abrir a caixa o novo Moto X namora. Está dispoñíbel en diferentes acabados, algúns tradicionais plásticos, mais no noso caso probamos un que combina madeira na parte traseira con aluminio nas bandas laterais, dando un resultado espectacularmente fermoso e agradábel ao tacto.

moto x 2014 atras

Na parte frontal temos sendos altofalantes, sensores varios e a cámara frontal, mentres que na traseira achamos a lente principal, rodedada polo flash, e un pequeno botón sen uso co logo de Motorola. No lateral esquerdo sitúase o botón de acendido e os controis de volume, no inferior o conector microUSB e no superior o jack 3.5 e a bandexa onde se sitúa a tarxeta nanoSIM (si, nano). Sendo fermoso, cremos que podería selo aínda máis se tiveran prescindido do botón de acendido lateral e posto este onde o logo de Motorola traseiro, de xeito semellante ao que está a facer LG.

Pantalla

Se meses atrás podíamos considerar as 4,7 polgadas coma un tamaño decente, as necesidades actuais teñen case estandarizadas as 5,2. Precisamente este é o salto que fixo Motorola con este trebello, ao que dout dun panel FullHD de 400 ppp de resolución, medíndose cos gamas alta actuais. A visión é magníficae o o pixelado cousa do pasado.

Tivemos ocasión de probalo en numerosas situacións lumínicas, e en todos os casos puidemos ver a pantalla sen problemas, mesmo co sol incidindo directamente sobre o panel.

Sistema operativo

Seguindo o camiño iniciado con anteriores modelos, Motorola optou por meter Android stock, sen personalizacións estéticas. Isto permítelle ser ademais dos primeiros en sacar actualizacións a novas versións, polo que en breve recibirá Android 5.0 Lollipop.

moto x 2014 notis

Malia todo, o que si introduce Motorola son pequenas ferramentas orientadas a mellorar a experiencia de usuario, como asistentes e funcionalidades que nos recordan a Google Now. Tamén ten un sistema de espertado intelixente e notificacións de pantalla activa que funciona só cando temos o móbil sobre a mesa, para chamar a nosa atención, ao tempo que se mantén inactivo cando o temos no peto, aforrando así batería.

Cámara

A cámara tamén evoluciona desde o seu predecesor, pasando dos 10,5 Mpx a un sensor de 13 fabricado por Sony. Non se caracteriza especialmente por ter unha rea de modos para sacar fotografías, sobre todo se o comparamos cos trebellos doutras marcas.

Tampouco é que iso sexa especialmente relevante, se temos en conta os milleiros de aplicacións fotográficas que podemos atopar na Play Store. Centrándonos nos resultados hai que salientar a calidade das imaxes captadas en calquera situación, con enfoque rápido.

Eis algúns exemplos:

Batería

A batería é quizais o aspecto menos evolucionado, pois a pesar das melloras xerais de prestacións do terminal, tan só aumenta 100 mAh, fixándose nos 2300 mAh.

Era sen dúbida un dos aspectos que máis temíamos do dispositivo, posto que as reviews que tiñamos lidas eran moi negativas neste senso. Se ben é certo que o dispositivo non aguanta 2 días sen pasar polo enchufe, durante as 2 semanas de probas tivemos autonomía para acabar o día sen problema, mesmo nos días máis activos.

Conclusións

Esperabamos evolución e tivémola. Motorola soubo mellorar os aspectos máis febles do predecesor e poñer riba da mesa un terminal evolucionado que vén para medirse cos máis grandes. Para moitos que aínda se sinten intimidados polas 6 pogladas do Nexus 6, tamén fabricado por Motorola, o Moto X (2014) será a alternativa idónea.

O seu procesador Snapdragon 801, de catro núcleos a 2,5 GHz, xunto cos 2 GB de RAM garántennos unha fluidez espectacular, sobre todo se temos en conta que non ter que mover capas de personalización, que tamén axuda.

Podémolo atopar con 16 ou 32 GB de memoria interna, non ampliábeis, en branco, negro e bambú. O seu prezo ronda os 500 euros, aínda que podemos atopalo máis barato nalgunhas tendas en liña.

Deixa un Comentario