Analizamos a Samsung Galaxy Tab S

samsung galaxy tab s funda 2

Moito tempo pasou desde aquela primeira tablet de Samsung, que non era máis ca un teléfono grande. Por sorte o mercado foi madurante e sobre todo nos últimos anos puidemos ver grandes produtos Android neste segmento, como a serie Galaxy Note, a Nexus 7 ou máis recentemente a LG G Pad 8.3. Porén non nos acabamos de sacar a espiniña de que falta algo, que as tablets non están de todo refinadas ou á altura.

A nova serie Samsung Galaxy Tab S pretende solucionar iso. É o resultado de trasladar a experiencia da saga S en móbiles ás tablets. Calidade, deseño e rendemento óptimos para obter unha experiencia de usuario á altura das espectactivas. Están dispoñíbeis en 10.5 e 8.4 polgadas, e vimos de probar a maior delas. Estas son as nosas impresións.

Deseño, acabado e conexións

As sensacións ao collermos a tablet por primeira vez son de estar ante un produto de calidade. O deseño é todo o innovador que pode ser unha tablet, con marcos relativamente axustados e redondeados para facilitar a suxeción. Porén, é nos materiais onde vemos un salto cualitativo importante, sobre todo no tacto da parte traseira, que inclúe ese plástico poroso que vimos tamén no Galaxy S5.

Pesa tan só 465 gramos e ten un grosor de 6,6 mm. Por iso resulta lixeira e cómoda tanto á hora de usala como cando a temos que transportar nunha viaxe.

samsung galaxy tab s lateral

Os botóns de acendido e de control de volume sitúanse na parte superior, cara o lado esquerdo, un lugar que se nos antoxou bastante cómodo para o acendido pero non tanto para subir e baixar o volume. A ambos lados, nos laterais, temos os altofalantes. No dereito achamos tamén o conector jack 3.5 de audio e no esquerdo a ranura para a microSD e o microUSB.

samsung galaxy tab s detalle funda

Na parte traseira temos a cámara principal, xunto co seu flash e dous circuliños a priori inútiles, pero que son uns fixadores da funda oficial espectaculares. No frontal temos a cámara e os sensores no marco superior e o botón de inicio físico, ademais do de atrás e multitarefa. Tivemos sensacións contrarias con ese botón físico, xa que por unha parte é o lector de pegada dixital e ten que estar, pero por outro é incómodo de empregar cando usamos a tablet en vertical; algo semellante ao que acontece do de “atrás”… non sería mellor que fosen software, seguindo as tendencias actuais?

Pantalla

Incorpora un panel SuperAMOLED, unha tecnoloxía que tiñan reservada unicamente aos smartphones e phablets e que agora consideran suficientemente madura para estar presente en tablets, por tamaño. Ten 10,5 polgadas con resolución WQXGA de 2560 x 1600 píxeles (288ppi) con cores vivas e un brillo notábel, na liña dos mellores smartphones.

samsung galaxy tab s

E quizais un dos puntos fortes do dispositivo, xa que a calidade das imaxes que podemos disfrutar nela é superior. Di o fabricante que ademais ten un consumo baixo de batería, polo que estamos no bo camiño calidade – consumo.

Sistema operativo

A tablet vén con Android 4.4 KitKat, acualizábel a 5.0 Lollipop. Incorpora ademais a capa TouchWiz de Samsung e Magazine UI que consiguen mellorar a experiencia de usario de Android stock grazas a que incorporan funcionalidades extra e aplicacións específicas coas que sacarlle máis partido a un dispositivo destas características.

magazine ui

Entre os aspectos diferenciadores está o Magazine UI, un agregador de novas e eventos de calendario que pretende auxiliarnos á hora de velo todo dun vistazo rápido.

Outra funcionalidade que nos gustou moito foi a posibilidade de partir a pantalla para executar dúas aplicacións a un tempo, algo que sen dúbida serve para mellorar a nosa produtividade e entendemos que debería ser básico en calquera tablet deste tamaño. As aplicacións recentes e a área de notificacións e botóns de acceso rápido tamén melloraron a súa disposición fronte a modelos de tablets anteriores da compañía, sendo agora moito máis rápido executalos.

pantalla partida galaxy tab s

Malia que estabamos afeitos a que Samsung incluíse de serie unha rea de software propio preinstalado, desta vez non é así. A cambio atopamos os chamados “Galaxy Gifts”, unha selección de apps e contido premium totalmente gratis. Por exemplo inclúese o acceso a Orbyt (El Mundo, Expansión…), 3 meses de Marvel Unlimited, contido extra no xogo Asphalt 8 e un longo etcétera.

orbyt

Cámara

Nós non nos sumamos a esa (crecente) moda de tirar fotos coas cámaras das tablets, aínda que parece que os fabricantes están a apostar tamén por melloras neste eido. A principal é de 8 Mpx, con flash LED, mentres que a frontal fica nos 2,1 Mpx, máis que abondos para realizar videochamadas.

Os resultados son en xeral satisfactorios. A aplicación da cámara dispón de moitos modos (incluso podemos descargar máis), moi semellante (por non dicir idéntica) á dos terminais de gama alta da compañía coreana.

Batería

A batería ten unha capacidade nominal de 7900 mAh. A duración, claro está, depende do uso que lle deamos. Durante os días de probas empregámola como elemento auxiliar do smartphone, dándolle un uso principal de lectura de novas, navegación e xogos, aínda que tamén caeu algún capítulo de serie. Con ese uso chegamos aso 2 días de uso sen problemas, o cal nos pareceu bastante axeitado.

De xeito semellante ao que víramos no Galaxy S5, a Galaxy Tab S dispón dun modo de aforro de enerxía extraordinario grazas ao cal podemos ampliar notabelmente a autonomía, aínda que a costa de renunciar ás cores. Tamén temos que ter en conta que o proceso de carga pareceunos un chis lento, consumindo aproximadamente catro horas e media para ter unha carga concreta.

Conclusións

A tablet é toda un besta en potencia. A versión que probamos, unicamente WiFi, emprega un procesador Samsung Exynos 5 Octa core, oito núcleos repartindo 4 a 1,9 GHz e 4 a 1,3 GHz; a versión con conectividade LTE vén cun Qualcomm Snapdragon Quadcore a 2,5 GHz. Ambas comparten, iso si, 3 GB de memoria RAM que garanten un uso fluído mesmo ao correr aplicacións e xogos pesados, como o Asphalt 8 ao que estivemos viciando. Ademais, existen diversas opcións atendendo á memoria interna dispoñíbel (16 ou 32 GB), ampliábeis por microSD de até 128 GB.

A combinación de deseño ultra delgado, acabados de calidade e prestacións software que Samsung engade aos seus trebellos específicos son todo un acerto neste dispositivo, que ten moitas papeletas para ser unha das mellores tablets que podemos atopar no mercado. Tamén é de valorar o éxito das aplicacións premium de balde, sen dúbida un valor engadido nun gadget de gama alta.

A Galaxy Tab S de 10,5 polgadas podémola atopar desde uns 500 € no modelo máis básico.

Sobre o autor

Reply