Color Detector, a primeira aplicación galega para as Google Glass

color detector

Os lentes de realidade aumentada de Google, as Google Glass, xa teñen a súa disposición a primeira aplicación desenvolta integramente no noso País, Color Detector, un novo glassware (software para as Glass) da compañía RedInput que aspira a mellorar a vida de moitas persoas.

A aplicación ten un funcionamento moi sinxelo, ao tempo que unha funcionalidade moi interesante. Ao acceder a ela diranos de xeito inmediato a cor do que esteamos a mirar nese momento, amosando o código hexadecimal da exacta e o nome da tonalidade. Como podedes ver na imaxe superior, se miramos a un punto do ceo daranos a cor exacta e a tonalidade, “azul”.

Ademais de servir para darnos a razón (ou non) nas discusións habituais sobre as cores dos obxectos ( :p ), Color Detector é unha aplicación fundamental para persoas que padezan daltonismo, un defecto xenético que imposibilita distinguir as cores. Deste xeito, empregando un trebello como as Glass, poderán desenvolver a súa vida con maior independencia.

Desde a súa presentación, e durante todo este longo proceso en fase beta, un importante número de Explorers están a recopilar ideas de uso e desenvolver aplicacións para as mesmas. Destaca especialmente a crecente cantidade de solucións para os entornos profesionais, así como tamén de cara a mellorar a vida das persoas con algún tipo de incapacidade.

Se tedes unhas Google Glass podedes descargar a aplicación desde esta ligazón. Que vos parece?

Deixa un Comentario