Analizamos o Sony Xperia Z3

sony xperia z3-2

A estratexia de Sony en canto a dispositivos móbiles de referencia no último ano foi un tanto errática, co lanzamento de tres dispositivos nun ano natural, a serie Xperia Z. Entre eles poucos cambios, menos se comparamos os dous últimos, o Z2 e Z3. Daquela, merece o cambio se teño un Z2? Non, definitivamente non. A cousa cambia se temos que mercar un dispositivo novo, xa que o Xperia Z3 é un moi bo trebello, como poderemos ver ao longo da análise.

Deseño, acabado e conexións

O deseño do Xperia Z3 é marca da casa. Segue na liña dos trebellos comercializados pola marca nos últimos anos, con cortes rectos, aínda que desta vez cunhas aristas menos pronunciadas que o fan máis cómodo na man. Segue tendo amplios marcos, sobre todo nas partes superior e inferior, que malia todo resultan de utilidade ao soster o smartphone en horizontal.

sony xperia z3

Os acabado son en cristal, moi chulo, si, pero tamén esvaraío. Calquera pequeno ángulo de inclinación da superficie na que o apoiemos fará que o trebello baile unha muiñeira por si só. Iso no mellor dos casos; se temos mala sorte acabará no chan.

Na parte traseira do dispositivo atopamos a cámara principal, perfectamente integrada no chasis do dispositivo, xunto co flash LED; no lateral esquerdo sitúase o conector microUSB e un pinchiños de conexión a un dock (na práctica, inútiles para a meirande parte dos usuarios) que rompen a uniformidade do trebello. No outro lateral temos as ranuras para a tarxeta nanoSIM e microSD, ademais do botón de acendido / apagado e os controis de volume.

Como vén sendo habitual nos últimos dispositivos da compañía, o Xperia Z3 é resistente á auga e ao pó, o que nos permite empregalo na piscina ou non ter que preocuparnos das salpicaduras, razón pola cal tanto o microUSB como as ranuras de nanoSIM e microSD dispoñen de lapelas protectoras.

Pantalla

Malia a tendencia a achegarse ás 5,5 polgadas nos gama alta, Sony decidiu agardar un pouco (quizais o Z4?) e quedar nas estandarizadas 5,2. Trátase dun panel IPS LCD con resolución 1080 x 1920 píxeles (424 ppp) e tecnloxías Triluminos + Bravia Engine. Desde o noso punto de vista o dispositivo merecía a integración dun panel 4K para marcar as diferenzas, pero malia esa puntualización estamos a falar dun compoñente extraordinario.

sony xperia z3-4

A pantalla do Z3 resulta moito máis brillante ca a dos seus predecesores (600 nits), o que se traduce nunha visualización perfecta en calquera tipo de entorno. Cores vivas e formas claras sen pixelados son unha constante.

Sistema operativo

O Sony Xperia Z3 vén con Android 4.4.4 Kitkat, aínda que nas próximas semanas recibirá a versión 5.0, recén estrenada. Integra unha capa de personalización propia, sen apenas cambios, pero menos invasiva que anos atrás. Basicamente redúcese a botóns diferentes nos accesos directos, algunha que outra aplicación propia e un launcher discreto e sinxelo.

A galería é quizais un aspecto diferenciador nesta personalización de Sony. Pretende facer da imaxe o centro e trasladar ao usuario unha experiencia diferente con reproducións do almacenado nela. Para o noso gusto, complica o uso e resulta algo engorroso.

Cámara

“Sony” e “cámara” son sinónimos. E é que o fabricante nipón pode presumir de ter uns dos mellores sensores fotográficos para os trebellos móbiles, e o Z3 integra un deles de 20,7 megapíxeles, que conta ademais cun procesador adicado á imaxe.

Ao igual que aconteceu en modelos anteriores vemos como, malia ter as mellores ferramentas, os resultados non son perfectos debido ao procesado automático que fai Sony querendo mellorar as nosas imaxes. En ocasións si que o consegue, pero noutras achega cores pouco realistas.

Con todo, é unha cámara das mellores cámaras nun dispositivo móbil, como podedes ver nesta galería na nosa conta de Flickr.

galeria sony xperia z3

Batería

A batería é de 3100 mAh, 100 mAh menos ca no modelo anterior. Porén, a autonomía do dispositivo é espectacular, acadando os 2 días lonxe do cargador malia facer uso intensivo. Nos últimos anos isto só llo víramos ao LG G2, e a verdade é que é de agradecer, sobre todo tendo en conta que non exixe ter que activar molestos sistemas de aforro de enerxía, que se ben son unha ferramenta útil para emerxencias non é o que queremos ter que usar todos os días.

Conclusións

O procesador de catro núcleos a 2,5 GHz e os 3 GB de RAM son nun trebello Sony garantía de que vai funcionar moi ben; e é que o Xperia Z3 pode con todo e é unha alternativa interesante no mercado da gama alta. A cámara e a batería son, xunto a sumexibilidade, puntos fortes deste dispositivo, aínda que tamén nos gustou a calidade de son ao reproducirmos vídeos.

O Xperia Z3 mídese de ti a ti coas principais opcións da competencia, pero custa 599 €, un prezo que nos parece claramente excesivo se o comparamos cos trebellos á mesma altura, que poderían ser o Samsung Galaxy S5 (450 €) ou o LG G3 (400 €).

Que vos parece a vós?

Sobre o autor

No Responses

Reply