Analizamos o Asus Zenfone 5

zenfone 5 man

Durante o Mobile World Congress tivemos a oportunidade de facer un primeiro achegamento á serie Zenfone, unha liña de smartphones de Asus dispoñíbeis en 3 tamaños: 4,5 e 6 polgadas. Oito meses despois chegan ao noso País, onde se veñen de pór á venda.

Pola nosa mesa de probas acaba de pasar o mediano dos tres, o Asus Zenfone 5. Estas son as nosas impresións.

Deseño, acabado e conexións

O Asus Zenfone 5 é un trebello xeneroso en tamaño, tanto nos marcos laterais como (e sobre todo) nas partes inferior e superior. Tamén resulta algo groso no punto medio do dispositivo en contraste coa zona máis fina (5,5 mm), aínda que a súa forma, adaptada á man, fai que sexa un dispositivo moi cómodo de suxeitar.

zenfone 5 principal

Está acabado en materiais plásticos, e aínda que a súa tapa traseira é desmontábel para poder meterlle as tarxetas SIM (admite dúas), non ten batería extraíbel.

zenfone 5 interior

Na parte dianteira atopamos a cámara frontal, situada na parte superior, e os botóns atrás, home e multiventá na parte inferior; son táctiles (físicos), o que explica a necesidade de máis marco inferior. Detrás está a cámara principal, xunto ao seu flash LED, ademais do altofalante, moi ben disimulado malia ocupar practicamente todo o ancho do dispositivo. Na parte superior temos o jack 3.5 de audio, na inferior o conector microUSB e no lateral dereito os botóns de acendido e control de volume.

zenfone 5 traseira android

Pantalla

Integra unha pantalla tipo LCD IPS de 5 polgadas, cunha resolución de 720 x 1280 píxeles, que en termos xerais ofrece unha experiencia satisfactoria. Obviamente non podemos agardar a nitidez dun panel 4K, mais o certo é que non se visualizan a simple vista micropixelados, habituais nalgunhas pantallas modestas.

Pode resultar algo brillante de máis cando empregamos imaxes en tons claras de fondo de pantalla, pois introduce bastante retroiluminación, aínda que se son fondos tirando a escuros a experiencia de contraste coas iconas das apps ou widgets é moi chula.

Funciona moi ben en exteriores, cunha adaptación ao brillo que funciona rápida e axeitadamente.

Sistema operativo

O Asus Zenfone vén con Android 4.2.2, sobre a que temos a interface ZenUI, propia de Asus. Foi a primeira vez que probamos a fondo un trebello con esta estética, que destaca por unha cuadrícula suavizada e iconas moi diferenciadas. As transicións entre pantallas son moi fluídas e vistosas, agradábeis ao uso.

asus zenfone software

Tamén conta con aplicacións específicas, algunhas pensadas para produtos Asus, como o espazo de almacenaxe na nube propio. Con todo, delas destacamos quizais What’s next, unha especie de xestor de calendario que ten un widget moi vistoso, integrando citas, a previsión climatolóxica e outras cousas. Na pantalla de bloqueo podemos ter accesos directos a funcións configurábeis polo usuario, como teléfono, cámara e mensaxes, que aportan un valor engadido propio

Está pervisto que Asus actualice o trebello a Android 5.0 Lollipop, o que traerá as últimas novidades en Android ao dispositivo.

Cámara

A cámara principal é de 8 megapíxeles, e a frontal de 2. O menú non admite demasiadas opcións de configuración, polo que deberemos tirar moito de modo automático (que con diferenza é o máis usado pola meirande parte das usuarias). Os resultados parecéronnos bastante satisfactorios, contando cun enfoque rápido e moi correcto.

asus zenfone galeria

Na nosa galería de Flickr podes ver este albume cunha mostra de imaxes tomadas con el.

Batería

A batería do Zenfone 5 ten unha capacidade nominal de 2050 mAh, que para un uso moderado – alto dános día e medio de autonomía. Nese sentido, está na media doutros trebellos semellantes, xa que temos que ter en conta que ao non ter unha pantalla cunha resolución moi alta o consumo redúcese considerabelmente.

Conclusións

O Asus Zenfone sitúase nunha gama media de calidade. Ten un procesador Intel Atom Z2560, multi core a 1,6 GHz, acompañado de 2 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, iso si, ampliábeis por microSD. Funciona moi ben, e move con moita fluídez o sistema operativo e as aplicacións habituais, aínda que, obviamente, cústalle un pouco mover xogos pesados, xa que non está pensado para iso.

Resulta moi interesante a integración de capacidades dual SIM, que nos permiten empregar 2 tarxeta a un tempo, unha funcionalidade que cada vez demandan máis usuarios.

A relación calidade prezo do Asus Zenfone 5 sitúao como unha opción a considerar nese grupo de terminais que se sitúan por baixo dos 200 eruos. Está dispoñíbel en varias cores (branco, azul, negro, vermello e champán) por 179 €

Deixa un Comentario