Analizamos o Vodafone Smart 4 Max

vodafone smart 4 max fronte

Hai unha semanas Vodafone deu a coñecer un novo trebello comercializado baixo a súa propia marca, o phablet Vodafone Smart 4 Max. Trátase dun trebello deseñado para aquelas clientas da compañía británica que queren disfrutar dun dispositivo de gran tamaño con capacidade 4G sen ter que gastar moitos cartos.

En Mallando no Android vimos de probar unha unidade a fondo, e estas son as nosas impresións tras un par de semanas de uso.

Deseño, acabado e conexións

O Vodafone Smart 4 Max é un trebello grande, mais non por ilo desproporcionado en canto a dimensións e peso. De feito, resulta especialmente lixeiro (150 gramos) e cun grosor aceptábel (7,9 mm). A súa forma cadrada con bordes redondeados axuda a que sexa moito máis ergonómico, e as sensacións táctiles son bastante boas grazas ao acabado en plástico suavizado da parte traseira, aínda que esta sexa moi amiga da suciedade das pegadas.

vodafone smart 4 max outono

Os botóns do dispositivo (acendido e controis de volume) están moi ben situados, na metade do lateral dereito, permitindo que poidamos manexalo perfectamente cunha soa man. Nese mesmo lado temos a ranura da microSD, e no oposto o da microSIM. Na parrte inferior temos o microUSB e na superior o jack 3.5 de audio.

Na parte frontal temos, ademais da pantalla, a cámara frontal, xunto ao altofalante e o LED para notificacións. Na sobria parte traseira está a cámara principal, xunto ao seu flash LED, e un discreto altofalante principal

Pantalla

Integra un panel IPS de 6 polgadas, cunha resolución de 720p, que en xeral dá bastante bos resultados. As imaxes vense con moita claridade, ao igual que os contidos multimedia en alta resolución. O brillo adáptase bastante ben a todo tipo de situacións, permitindo un visionado correcto tanto en exteriores (brillo máximo) como a escuras (brillo mínimo).

vodafone smart 4 max lateral

O único aspecto negativo (por dicilo dalgunha maneira) atopámolo no ángulo de visión, algo inferior fronte outras alternativas da competencia, aínda que ampouco é algo do que preocuparse en exceso.

Sistema operativo

O smartphone vén con Android 4.4.4 KitKat de fábrica, non sabemos se actualizábel a futuras versións. Vén coa versión de Android stock, sen personalizacións de Vodafone máis aló dunha animación no arranque e a inclusión dalgunhas aplicacións da compañía que inclúen disco duro na nube, mensaxería, Mi Vodafone ou un mercado alternativo no que podemos descargar outras utilidades.

Isto ten un aspecto positivo, xa que axuda a que todo se mova fluído grazas a que o trebello non ten que mover pesadas capas de personalización e deixa en mans das usuarias elixir que aplicacións ou solucións baixa da Play Store para o seu trebello. Porén, tamén se agradecería a existencia de software pensado para un trebello destas características que nos permitise sacarlle máis partido á gran pantalla, algo que, como xa temos falado ao analizarmos outras phablets con Android stock, non existe neste dispositivo.

Cámara

As cámaras son de 13 e 2 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente. A aplicación preinstalada é a de Android stock simplificada, que non ofrece demasiadas opcións de configuración nin modos.

vodafone smart 4 max camara

O seu funcionamento é moi sinxelo e os resultados sorprendéronnos moi positivamente en todo tipo de situacións, cuns resultados máis ca satisfactorios. Sorprendeunos especialmente o ben que responde en entornos con pouca luz e escenarios nocturnos.

No noso perfil de Flickr podedes achar unha galería con imaxes tomadas con este dispositivo.

vodafone smart 4 max

Batería

A batería é de 3000 mAh, os cales achegan unha autonomía abonda para día e medio e un uso medianamente intensivo e facendo uso das redes 3G e 4G, ademais de WiFi. Quizais poderían ter aproveitado o tamaño para terlle incluído unha pila maior, aínda que seguramente o aumento de peso que isto suporía está detrás da decisión de mantela nese tamaño.

Conclusións

O Vodafone Smart 4 Max é un dispositivo moi equilibrado en canto as súas especificacións, sobre todo porque integra compoñentes de calidade, como o seu procesador, un SnapDragon 400, catro núcleos a 1,2 GHz. Está acompañado de 1 GB de RAM e 8 GB de memoria interna, que podemos ampliar por microSD de até 32 GB.

Move sen problemas as aplicacións habituais e xogos medianamente demandantes de recursos; resulta especialmente interesante e cómodo para a lectura de artigos longos ou para o consumo de multimedia, xa que a súa gran pantalla e a calidade do son chave neste sentido. As capacidades 4G do Smart 4 Max son un punto engadido e fundamental do trebello, xa que nos permiten navegar a unha velocidade superior ás tradicionais redes 3G.

Podemos mercar o Vodafone Smart 4 Max por 269 €, sen compromiso de permanencia, ou financiado desde 0 € coas tarifas Vodafone RED ou Smart M (18 meses de permanencia na tarifa, 24 na compañía).

Que vos parece?

Sobre o autor

Reply