Analizamos o Huawei Ascend P7

huawei ascend p7 fronte

Días atrás publicamos a nosa análise do Honor 6, un dos primeiros trebellos que comercializa Huawei baixo a súa nova marca para Europa, Honor. Porén, a marca Huawei non desaparecerá do vello continente, onde seguiremos recibindo dispositivo que darán moito que falar, como o Huawei Ascend P7 que hoxe traemos aquí.

Deseño, acabado e conexións

Un dos puntos fortes do Ascend P7 é o seu deseño, que en certa medida lembra ao do iPhone 4 ou da gama Sony Xperia Z. Trátase dun trebello moi delgado, apenas 6,5 mm de grosor, formas moi cadradas e o cristal como material protagonista, tanto na pantalla frontal como na lámina do acabado na parte posterior. Os bordes son de metal, agás o inferior, de plástico. Isto fai que cando ollamos o Ascend P7 esteamos a pensar nun smartphone de acabados premium e moi agradábel á vista, tamén ao tacto.

huawei ascend p7 traseira

No borde superior atópase o conector jack 3.5, xunto a un (case imperceptíbel) micrófono cancelador de ruído. Xa no lateral dereito temos os botóns de control de volume e acendido, ademais de sendas rendixas para a tarxeta microSIM e para a microSD. Finalmente, na parte inferior do dispositivo está o microUSB e o micrófono principal.

Na parte traseira sitúase a cámara principal, xunto ao flash LED, ademais do altofalante principal, situado  na parte inferior do dispositivo. Na frontal, ademais da pantalla, temos a cámara principal, diferentes sensores e luz LED.

Pantalla

O trebello integra unha pantalla IPS de 5 polgadas, cunha resolución de 1920 x 1080 (441 ppp), que ademais ten protección Gorilla Glass 3 que a protexe de rabuñadas e pequenos golpes.

Ten gran viveza das cores, uns ángulos de visión bastante amplos e un brillo de 463 nits, o que permite que poidamos disfrutar do terminal malia estarmos a sufrir un sol incipiente sobre a pantalla. Ademais, pode ser empregada con luvas, algo moi a ter en conta sobre todo nesta época do ano.

Sistema operativo

Vén con Android 4.4.2 KitKat e a interface Emotion UI 2.3, aínda que será actualizado a Lollipop proximamente. É un launcher que prescinde do menú de aplicacións, polo que teremos todo accesíbel desprazándonos cara un lateral. Non incorpora demasiadas aplicacións propias, aínda que si algún que outro xogo que, na nosa opinion, sobraba.

Permite configurar un launcher con botóns grandes, unha funcionalidade moi interesante para persoas con dificultades visuais, ademais de personalizar a barra de accesos rápidos no menú de notificacións.

Cámara

A cámara principal é un sensor fabricado por Sony de 13 megapíxeles, coa que conseguimos uns resultados, en xeral, bastante sastisfactorios, aínda que cando empregamos o flash as imaxes parecen non quedar de todo ben iluminadas. Tampouco conseguimos os mellores resultados nas imaxes con zoom, nas que se apreza algo de pixelado.

A aplicación de cámara preinstalada integra os modos habituais, e un que nos chamou un pouco a atención: marca de auga. Así mesmo, tamén permite separar a exposición e o punto de enfoque,  de cara a podermos conseguir un grao de personalización maior nas imaxes.

No noso perfil de Flickr podemos atopar unha galería con imaxes sacadas con este terminal.

galeria ascend p7

Batería

A batería é interna, non extraíbel, de 2500 mAh, que nos dá unha autonomía real dun día de suo normal. Dispón dun modo aforro de enerxía bastante eficaz, ademais dun sistema que nos alerta cando haxa algunha aplicación que estea a consumir máis enerxía do habitual, ofrecendo a posibilide de pechala.

Conclusións

O Huawei Ascend P7 é un trebello moi atractivo por fóra e, a un tempo, interesante por dentro. Integra un procesador HiSilicon Kirin 910T, de catro núcleos a 1,8 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. Non estamos a falar dun dispositivo coa fluídez que podería ter o trebello se integrase un dos últimos procesadores Qualcomm, mais si que se comporta ben resolvendo sen problemas na meirande parte das situacións.

É un dispositivo dunha ambiciosa gama media – alta, cun prezo contido para aquelas usuarias máis preocupadas polo deseño. Podémolo atopar por uns 300 €.

Deixa un Comentario