Agasallos frikis para un Nadal en crise

regalos android menos 20 euros

Co Nadal ás portas seguro que moitas estades a pensar con que podedes agasallar á vosa xente, e semella que un ano máis os artigos relacionados coa tecnoloxía xogarán un papel importante. Se pensades nun teléfono podes botarlle un ollo á nosa selección dos mellores smartphones do 2014, aínda que se tes un presuposto máis axustado tamén temos unha selección das mellores opcións por menos de 200 €.

Porén, desde Mallando no Android queremos ir un paso máis aló e ofrecervos unha listaxe de 9+1 ideas coas que podedes sorprender a calquera frikiña sen deixar moitos cartos no intento. O noso presuposto? 20 €.

1. Chromecast (19,95 €)

chromecast

O Chromecast é quizais un dos mellores accesorios para a nosa televisión. Grazas a el poderemos facer mirroring do noso smartphone ou tablet á TV, enviar vídeos de YouTube e outras moitas aplicacións xa compatíbeis. Vale 35 €, mais a xente de Wuaki ten unha promoción pola que o podemos mercar por 19,95 € con 3 meses do seu servizo de balde e sen contratos ou compromisos.

Onde mercar? Wuaki.tv

2. Xogo de bolos Android (18 €)

bolo android

Isto é algo para as máis frikiñas: Un xogo de bolos de Android! Non ten moito máis que explicar, non si? 🙂

Onde mercar? Google Store.

3. Xiaomi Mi Band (15,89 €)

xiaomi miband cores

As pulseiras de cuantificación da actividade física, xunto cos smartwatches, foron a grande revolución do 2014. Unha das opcións máis económicas é a Xiaomi Mi Band, que custa 30 € en Amazon ou 15,89 se a mercamos directamente na China. É compatíbel cos trebellos Android 4.4 ou superior e grazas a ela poderemos marcarnos retos de actividade, xa que monitoriza pasos, horas de sono etc. A súa batería dálle unha autonomía de preto dun mes.

Onde mercar? DX.

4. Pau con bluetooth para selfies (13,08 €)

pau selfie

Se coñecedes á típica persoa que anda seguido a sacar autorretratos, seguro que a sorprendedes con este obxecto: un pau para sacar selfies. O bo é que, a diferenza doutros, trae Bluetooth e ten botóns físicos no mango, o que permite xogar co zoom e disparar a distancia sen termos que activar o temporizador da cámara.

Onde mercar? DX.

5. Soporte para coche universal (12,40 €)

soporte coche universal

Trátase da típica ventosa que podemos pegar ao parabrisas do coche para levar aló posto o noso teléfono, o que nos abre as portas a poder empregar apps de navegación como Google Maps, CoPilot GPS ou outras. É importante que miremos que sexa compatíbel co ancho do noso trebello, polo que sempre é mellor opción mercar un adaptábel.

Onde mercar? eBay.

6. Mochila Android con rodas (9 €)

mochila android con rodas

Para as pícaras da casa, que vos parece esta mochila con rodas e forma de Android? A nós moi, pero que moi orixinal. De seguro que moito non colle nela, pero desde logo é moi divertida. Quen fora cativo de novo! 🙂

Onde mercar? Google Store.

7. Batería externa (4,50 €)

bateria extra

A autonomía dos nosos trebellos é sen dúbida unha das eivas máis importantes da tecnoloxía. Para non sufrir as inconveniencias de quedar sen batería, non está de máis levarmos unha batería extra. Hai ducias de opcións, cuxo prezo varía coa calidade e coa capacidade das mesmas. A opción que seleccionamos ten 2600 mAh, que é aproximadamente a dun smartphone, pero hai outras de 20.000 mAh que tamén entrarían nesta listaxe por prezo.

Onde mercar? Amazon

8. Xiaomi Mikey (1,78 €)

xiaomi mikey

Rozando o límite do gratuíto, temos outro produto de Xiaomi, o Mikey. Trátase dun botón que se introduce no porto jack 3.5 de audio do smartphone ou tablet e permite programar diferentes accións, como activar a WiFi, sacar unha foto… e mesmo diversas funcionalidades atendendo ao número de pulsos sobre el.

Onde mercar? DX.

Spotify Premium (0,99 €)

spotify_logo

Como opción máis económica podemos agasallar (ou agasallarnos) unha suscrición a Spotify premium, xa que grazas á promoción actual ao mercar un mes agasállannos 2 extra. Isto é, teremos 3 meses de Spotify sen límites e sen publicidade. Soa ben, non? 🙂

Onde mercar? Spotify

Bonus: tarxeta agasallo de Play Store (15 €)

tarxetas play store

Se non che convencen as ideas que che propomos podes deixar que sexa a persoa agasallada quen decida en que gastar os cartos. É unha opción socorrida para indecisas que permite á beneficiaria decidir se prefire investir en apps premium, xogos, música, películas ou libros.

Onde mercar? Fnac, MediaMarkt, hipermercados…

Como vedes non hai que gastar moitos cartos para sorprender con pequenas frikadas que poidan sacar un sorriso neste Nadal. Se queredes ter un detalle connosco, gústannos todas elas! 😉

Sobre o autor

One Response

Reply