Qualcomm Snapdragon 810, o procesador dos gama alta do 2015

qualcomm

Os procesadores son unha peza fundamental dos nosos smartphones e tablets, e aínda que hai varias marcas (e mesmo fabricantes que están a empregar os seus propios procesadores nalgúns dos seus trebellos, como Huawei ou Samsung), cando falamos de Qualcomm facémolo con palabras maiores.

Qualcomm é quizais a empresa de referencia neste eido, e aínda que no seu catálogo atopamos diversos modelos e calidades, os procesadores máis punteiros adoitan ser modelos a seguir, tanto polo seu rendemento como polo seu baixo consumo enerxético.

No forno está o Snapdragon 810, o procesador do que falaremos moito nos próximos meses. Entre as súas características está a compatibilidade coas redes LTE Cat 9 (450 Mbps) e soporte 64 bits, o que derivará nunha maior velocidade de descarga, un mellor comportamento xeral das aplicacións e do sistema operativo e, sobre todo, unha importante mellora enerxética. Indo xa máis polo miúdo atopámonos especificacións avanzadas como o SafeSwitch, un sistema de seguridade que leva a protección dos nosos datos á capa hardware máis baixa, permitindo bloquear o sistema a distancia, ou o soporte para pantalla esxternas en 4K e son Dolby Atmos.

O Qualcomm Snapdragon 810 será o procesador que inclúan os principais smartphones do 2015, quizais non os que se presenten nuns días no CES de Las Vegas (aínda que tampouco se esperan grandes cousas, agás sorpresas de última hora), mais si os que vexamos a partir do MWC de Barcelona.

No Responses

Deixa un Comentario