R pecha o 2014 liderando o mercado móbil en Galiza

mobilR

Tras sumar máis de 47.000 liñas ao longo do ano, a operadora galega R remata o 2014 liderando o mercado da telefonía móbil en Galiza, cun total de 364.490 liñas activas, superando así tanto ás catro operadoras con rede propia como ao resto de OMVs.

Non cabe dúbida que este éxito débese en grande medida á política de subvención de terminais, recuperada a comezos de ano, grazas á cal as clientas da compañía poden gozar duns plans de financiamento bastante interesantes, sobre todo para as gamas medias de Android. Ademais, a oferta móbil de R completouse con novas tarifas planas moi competitivas e rebaixas ligadas á converxencia da factura dos servizos fixo e móbil.

De cara a 2015 cabería agardar que se chegase a un acordo con Vodafone para ofrecer por fin velocidades 4G, aínda que neste senso a compañía amósase prudente e non adianta nada. Tampouco sabemos se van comezar a despregar rede móbil propia na banda que teñen asignada (a de 2600 MHz), como fará en Asturias a cableira Telecable.

Para paliar esta eiva, a cableira galega seguirá investindo na ampliación da rede WiFi máis grande do País, wifi_clientes_r, con centos de novos puntos de acceso espallados por toda a xeografía que estarán operativos a comezos de ano. Ademais, mellorarase a experiencia das usuarias de xeito notorio, con detección automática das redes e identificación automática a través da SIM, o que evitará ter que andar introducindo nomes de usuario e contrasinais.

Rede de fibra e Proxecto BATS

Doutra banda, o 2014 tamén serviu para superar o cento de concellos galegos que dispoñen de acceso á rede de fibra de R. Así, nun total de 101 concellos xa é posíbel navegarmos a 200 megas, e o obxectivo da compañía para o próximo ano é que todas as súas clientas directas teñan contratadas velocidades de 100 ou 200 megas.

Así mesmo, durante o 2015 un grupo de clientas seleccionadas poderán participar na fase beta do Proxecto BATS, promovido pola Comisión Europea, que ten como obxectivo eliminar a fenda dixital no rural grazas a unha nova tecnoloxía que aúna diversas opcións de conexión para conseguir maiores velocidades.

Sobre o autor

No Responses

Reply