R empeora as tarifas e elimina a Tarifa 0, deixando sen opcións ás usuarias máis activas

mobilR

Ao longo do 2014 R foi modificando as súas tarifas de móbil para adaptalas a todos os petos e necesidades, con diversas opcións de tarifas planas que incluían minutos, datos e SMSs, un movemento que axudou a situar á empresa galega á fronte do mercado móbil no noso País.

Porén, paralelamente a esa reestruturación de tarifas eliminaron a tarifa mini+internet de 2 GB, unha opción moi valorada polas usuarias máis activas en canto a consumo de datos e sen necesidades de minutos ou sms. A cambio crearon a Tarifa 0, unha tarifa descafeinada que permitía, por 11 €/mes, ter chamadas a 0 cént/min e 1,5 GB de datos.

Coa chegada do 2015 as tarifas de R empeoran:

  • As tarifas planas deixan de ter sms incluídos
  • Os excesos en minutos empezan a pagarse a 19 cént/min (antes 9,68 cént/min).
  • Os sms pasan a custar 12 cént (antes 10,89 cént).
  • O establecemento pasa a custar 19 cént (antes 18,15 cént).

Malia todo, o peor de todo é que se elimina a Tarifa 0, co que a única opción para as usarias que non queren ter minutos incluídos nas súas tarifas é a Tarifa 1, que só inclúe 500 MB. Aquelas persoas que precisen máis de 1 GB terán que elixir, como mínimo, a Tarifa 24, que inclúe 2 GB por 24 €/mes.

A estratexia de R contrasta coa que están a seguir o resto de operadores. Por exemplo, Yoigo ten en promoción até o 9 de xaneiro a Tarifa 0 5 GB, que inclúe 5 GB e chamadas a 0 cént/min por 19 € ou o OMV Pepephone, que ofrece chamadas gratis e 1 GB por 5,90 € ou 2 GB por 10,90 €, ademais con conectividade 4G.

No Responses

Deixa un Comentario