Acer presenta os smartphones Liquid Jade S e Liquid Z410

Ademais do Chromebook 15 do que xa falamos, Acer aproveitou a súa presenza no CES para presentar dous novos smartphones: o Liquid Jade S e o Liquid Z410, ambos trebellos compatíbeis coas redes 4G.

Liquid_Jade_S_Lunar_White_and_Cosmic_Black_Hero_Shot

O Liquid Jade S incorpora a potencia dun procesador octa-core MediaTek de 64 bits e unha pantalla de 5 polgadas. A súa cámara principal é de 13 megapíxeles, cunha apertura de f/1.8, mentres que a frontal fica nos 5 megapíxeles; ambas poden ser activadas por voz.

Liquid_Jade_S_Cosmic_Black_Back_Closeup

Tamén destaca polo seu deseño delgado (7,78 mm) e ultralixeiro (116 gramos), que o fai especialmente cómodo no agarre. Así mesmo, dispón de opción microSD/dual nano SIM; isto é: achega ás usuarias a posibilidade de empregar a rendixa da tarxeta microSD para empregar unha segunda liña cunha tarxeta nanoSIM.

O Liquid Jade S estará dispoñíbel este mesmo mes de xaneiro en negro e branco a 299 €.

Liquid-Z410-Black-mood-02

Pola súa banda, o Liquid Z410 aspira a ser unha alternativa económica para as usuarias que desexan ter un trebello con conectividade 4G sen gastar moitos cartos.

Incorpora unha pantalla de 4,5 polgadas cunha definición de 245 ppi, procesador quad core de 64 bits,  cámara de 5 megapíxeles e son estéreo grazas ao sistema DTS Studio Sound.

O Liquid Z410 estará dispoñíbel a finais de febreiro por 129 €.

Quizais os aspectos máis negativos é que sairán á venda con Android 4.4, aínda que recibirán Android 5.0 ao longo do 2015, mais sen deixar moi claro cando.

Deixa un Comentario