Alcatel estrea reloxo intelixente: OneTouch Watch

En setembro soubemos que Alcatel estaba a traballar no seu reloxo intelixente, e aínda que xa daquela viramos imaxes reais non foi até agora cando se oficializou, tras ser presentado no CES de Las Vegas.

O novo trebello, que se suma a unha crecente listaxe de smartwatches, comparte deseño co Moto 360, mesmo con esa molesta liña negra que afea un dispositivo globalmente fermoso, pero non emprega Android Wear. Iso si, é compatíbel tanto cos smartphones Android como iOS, xa que as aplicacións que o xestionan si que o son.

alcatel reloxo

Entre as curiosidades destaca que para manexalo non tocaremos a pantalla, senón o borde próximo ao botón de acendido, como podemos ver no vídeo de Verge. Así mesmo, o cargador son uns pins USB incorporados na propia correa, o que evitará termos que cargar coas habituais bases de carga que adoitan vir con estes dispositivos.

Comparte coa competencia funcionalidades, como a cuantificación xeral da nosa vida (ritmo cardíaco, pasos e distancias, calorías…), control do multimedia, aviso de separación do smartphone con vibración e botón de disparo a distancia, entre outras moitas.

Estará dispoñíbel en catro acabados e custará 149 €, un prezo moi competitivo para este crecente sector de dispositivos intelixentes.

Sobre o autor

No Responses

Reply