Non cabe dúbida de que HTC non está a pasar polo seu mellor momento comercial, dado que perdeu fol no sector dos smartphones de gama media e os seus gama alta non acaban de callar no consumidor final. Quizais por iso, e para que todo o protagonismo caia neles, evitaron presentar o seu buque insignia do 2015 durante o CES, polo que imaxinamos farán unha presentación en solitario antes do MWC, que se celebrará en Barcelona a finais de febreiro.
O que si fixeron en Las Vegas foi dar a coñecer dous trebellos da gama Desire, o HTC Desire 826 e o HTC Desire 320.
O primeiro deles, Desire 826, é o de maiores aspiracións. Incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución 1080 x 1920 píxeles, procesador SnapDragon 615 de oito núcleos, 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna, cámara principal de 13 megapíxeles e frontal de 4 con tecnoloxía ultrapíxel e batería de 2600 mAh, que a priori semella escase de máis.
Ademais é o primeiro smartphone da compañía en saír con Android 5.0 de fábrica, aínda que como vén sendo habitual non será unha interface limpa, senón que terá a capa HTC Sense, habitual nos trebellos do fabricante.
Pola súa banda, o Desire 320 pretende competir na gama de entrada, por baixo dos 100 €. Por iso tamén ten unhas especificacións máis sinxelas e modestas, como a súa pantalla de 4,5 polgadas con resolución 854 x 480 píxeles, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz e 512 MB de memoria RAM.
A memoria interna é de 4 GB e a batería de 2100 mAh, mentres que as cámaras quedan nos 5 megapíxeles para a traseira e unha VGA na parte frontal.
Que vos parecen estas opcións?