Kodak proba sorte fóra da fotografía cun smartphone mediocre

kodak im5

Non foron poucas as empresas que nos últimos anos viron como os campos nos que eran líderes perderon protagonismo, e quizais un dos casos máis notorios sexa o da fotografía: primeiro foron as cámaras dixitais e logo os teléfonos móbiles quen obrigaron a empresas como Polaroid ou Kodak a reinventarse para seguir sendo algúen nun mercado cada vez máis global.

Neste CES Kodak vén de dar a coñecer o Kodak IM5, un smartphone cunhas especificacións máis ben mediocres pero que presta atención á fotografía, sobre todo na parte software, con solucións orientadas a conseguir mellores resultados e facilitar a compartición das imaxes. Os sensores son de 13 e 5 Mpx.

Fóra diso temos unha pantalla de 5 polgadas con resolución 720p, procesador MediaTek Octa-Core a 1,7 GHz, 1 GB de memoria RAM, 8 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD), dual SIM e Android 4.4.2.

Está previsto que chegue ao noso País a finais deste trimestre por 299 €, un prezo a priori bastante alto se temos en conta que existen dispositivos por ese prezo cunhas características fotográficas formidábeis e mellor hardware.

 

Sobre o autor

No Responses

Reply