Dell Venue 8 7000, a nova tablet máis delgada do mundo

tablet-venue-8-3000

Máis unha vez volvemos falar da tablet máis delgada do mundo, aínda que xa sabemos que estes reinados adoitan durar menos ca un telexornal. O último modelo en proclamarse tal cousa é a Dell Venue 8 7000, que vén de ser presentada no CES.

Con tan só 6 mm de grosor, a nova tablet de Dell integra unha pantalla OLED QHD (2560 x 1600) de 8,4 polgadas; ademais apenas ten marcos, polo que a superficie útil é moito maior.

No seu interior atopamos un procesador Intel Atom de catro núcleos, 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 512 GB. A cámara principal é de 8 megapíxeles, pero ademais ten sensores estereoscópicos para conseguir imaxes de maior profundidade. Como sistema operativo emprega Android 4.4 KitKat, mais será actualizada a Android 5.0 Lollipop en breve.

A Dell Venue 8 7000 estará xa dispoñíbel en USA e Canadá esta mesma semana por 399 dólares, e proximamente chegará a outros países arredor do Globo.

Deixa un Comentario