LG aproveita o CES para amosar en privado as súas pantallas Edge

Eventos como o CES de Las Vegas concentran executivas de grandes empresas que aproveitan para facer negocios. Por suposto, nestas reunións hai demos privadas nas que se amosan prototipos e produtos que están por vir.

lg dual edge

Nun destes eventos LG amosou un prototipo no que está a traballar, o LG Dual Edge Display, cunha pantalla que se curva nos bordes de xeito semellante ao Galaxy Note Edge, pero aproveitando a súa tecnoloxía de pantallas P-OLED flexíbeis, como a que integra o recén presentado LG G Flex 2.

A demostración fíxose cun terminal con pantalla de 6 polgadas e resolución HD, aínda que isto non quere dicir que vaia haber tal produto comercial, senón simplemente que teñen a tecnoloxía para facelo.

Algúns rumores apuntan a que un dos novos dispositivos de Xiaomi podería incluír unha pantalla deste estilo fabricada por LG, mais haberá que ir vendo que pasa nos próximos meses para descubrir que ten preparado a compañía surcoreana para o 2015. De momento parece que apuntan alto.

Vía

 

Deixa un Comentario