Saygus V², o primeiro smartphone con 320 GB de memoria interna, pero con truco

saygus-v2-phone

Hai apenas un par de anos un dos maiores problemas das usuarias de Android era a capacidade da memoria interna dos teléfonos, en moitos casos, sobre todo nas gamas medias e baixas, claramente insuficientes. Porén, isto xa non é tanto problema desde que dispomos de dispositivos con 32 ou 64 GB.

No CES vén de presentarse o segundo terminal de Saygus, o Saygus V², que destaca por contar con 320 GB de almacenamento interno. Porén, non se trata da capacidade dunha gran memoria, senón que se consegue sumando 64 GB de memoria interna e 2 ranuras microSD que soportan tarxetas de até 128 GB.

O resto de especificacións tamén son bastante notables. Dispón dunha pantalla de 5 polgadas con resolución 1080p, procesdor Qualcomm Snapdragon a 2,5 GHz, 3 GB de memoria RAM e cámaras de 21 e 13 megapíxeles, a traseira con flash LED dual. Para o son emprega uns altofalantes Harman Kardon e a batería, de 3500 mAh, dispón, segundo o fabricante, dunha nova tecnoloxía que aumenta un 50% a súa duración.

O terminal sae á venda con Android 4.4.4 KitKat e vén rooteado de serie, facilitando o traballo ás desenvolvedoras e usuarias máis activas. Ademais dispón de carga sen fíos Q1 e escáner de pegadas dactilares.

O Saygus V² estará á venda na primavera, aínda que polo de agora non sabemos a que prezo.

 

Deixa un Comentario