Google aparca as Glass e pecha o programa Explorers

iago varela google glass eume

Con toda certeza o das Google Glass é un dos proxectos máis ambiciosos de Google, e o primeiro chanzo dunha realidade futura. Mais estamos preparadas para elas nestes momentos? Seguramente non, a lo menos como até o de agora.

Nos últimos meses falouse moito do futuro da Glass, sobre todo porque a data para a súa posta á venda foise adiando unha vez tras outra, ademais de que nos grandes eventos de Google como o I/O apenas tiveron presenza. Hoxe sabemos que Google Glass deixa de formar parte de Google X, o laboratorio de proxectos punteiros de Google, e pasa a ter unha pequena sección na compañía, dirixida por Ivy Ross, que á súa vez ten por xefe a Tony Fadell, de Nest.

Ademais, o vindeiro 19 de xaneiro péchase o programa Explorers, que permitía a calquera persoa con ganas de gastar 1500 dólares facerse cunha unidade das Google Glass para poder desenvolver aplicacións ou comprobar como este trebello pode mellorar o día a día de moita xente. Desde ese día non se poderán mercar as Google Glass, polo que se dubidabades en facervos cunhas, é o momento.

Isto non quere dicir que o proxecto das Google Glass morra, senón que irá a outro ritmo até conseguir unha versión comercializábel, esperemos que non dentro de moito tempo. O interese da xente está agora nos wearables de pulso, como pulseiras e reloxo, polo que parece que Google pretende priorizar a atención en Android Wear.

Se queredes saber máis das Glass, podedes pasarvos pola nosa análise.

Máis info

No Responses

Deixa un Comentario