Analizamos o LG G Watch R

lg g watch r

Aló polo mes de agosto analizabamos o LG G Watch, un dos primeiros smartwatches con Android Wear. Para o seu debut con este sistema operativo, a compañía coreana escolleu unha pantalla cadrada, non tan estética pero con máis espazo para amosar contido.

Sexa como fór, daquela ás usuarias miraban con mellores ollos o Moto 360, un trebello que facía máis fincapé na estética que nas súas funcións como smartwatch. Mais LG gardaba un as na manga, e en setembro deu a coñecer o LG G Watch R, corrixindo os erros do modelo inicial, pantalla circular e un deseño altamente atractivo. Pasemos a analizalo.

Deseño, acabado e conexións

O LG G Watch R semella un reloxo tradicional. Quizais por iso é, de todos os trebellos Android Wear presentados até hoxe, o que máis miradas atrae. Arredor da súa esfera temos marcados os minutos, destacando as horas puntas e os cuartos, de axuda para quen escolla unha faciana que simule ors reloxos de agulla. No lateral, a típica roda de axuste, aínda que desta vez resulte ser o único botón que integra o aparello.

lg g watch r5 reloxo b

Estreito e lixeiro (62 gramos), o reloxo complétase cunha correa de coiro que pode ser mudada cando queiramos na nosa reloxería de confianza por calquera outra que nos guste, pois máis unha vez recolle neste punto a herdanza dos reloxos tradicionais.

A parte traseira do dispositivo integra os puntos de carga e un lector do pulso, axeitado para as actividades deportivas e cuantificadoras, tan de moda nestes tempos. No seu interior dispomos doutros sensores como xiroscopio, acelerómetro, barómetro e brúxula dixital.

É resistente á suciedade e somerxíbel segundo o estándar IP67, polo que poderemos ducharnos con el posto e despreocuparnos de salpicaduras ou suoracións.

Pantalla

Integra unha pantalla OLED de 1,3 polgadas, cunha resolución de 320 x 320 píxeles, unha densidade que o sitúa por diante do Moto 360, principal trebello co que compite. Ademais, resulta especialmente interesante o brillo que é capaz de emitir, xa que fai que sexa un dispositivo que podemos manexar en exteriores sen problemas de incidencia do sol directo, mesmo se termos que escoller o máximo nível deste.

lg g watch r2

Falando de brillo, bótase en falta un sensor que o regule automaticamente, pois a única forma de facelo é de xeito manual, o que implica que a meirande parte das usuarias acabaremos por termos seleccionado algo intermedio para non ter que andar fedellando nos menús cada vez que andamos entrando ou saíndo.

En calquera caso, un mal menor: situado nunha posisición intermedia non tivemos problemas nin en interiores nin en exteriores.

Sistema operativo e experiencia de uso

Tras acender o reloxo recibimos a actualización a Android 5.0.1, Lollipop. A actualización trouxo consigo unha nova funcionalidade de control do ritmo cardíaco, máis autonomía e mellor rendemento, algún que outro fondo e melloras no xeito de presentar as tarxetas circulares.

lg g watch r4 axenda

O que podemos facer con el non cambiou moito desde o último dispositivo Android Wear analizado. Podemos deixar que nos cheguen as notificacións das aplicacións e interactuar con elas (por exemplo, responder un WhatsApp por voz, ler por riba un correo, comprobar os avisos…) ou ben tomar un papel máis activo e configurar recordatorios, tomar o pulso etc.

Batería

O LG G Watch R dispón dunha batería interna de 410 mAh. Entre esta capacidade, superior a outros modelo, o uso dunha pantalla OLED, e o menor consumo de Android 5.0, o G Watch R pode aguantar perfectamente 2 días lonxe do cargador.

Con todo, a variabilidade virá dada, coma sempre, do uso que fagamos do dispositivo. Se só o empregamos para recibir as notificacións durará máis, aínda que se andamos dándolle ordes de voz asiduamente baixará máis. Lóxico, non?

Para cargalo temos que colocalo sobre unha pequena base de carga, non tan fermosa como a do Moto 360, pero si moito máis cómoda e pequena para poder mover durante os nosos desprazamentos.

Conclusións

As especificacións do trebello complétanse cun procesador SnapDragon 400 a 1,2 GHz, 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna, que ao igual que acontece co resto de dispositivos semellantes analizados até o momento, resultan máis ca abondas.

Entre os aspectos máis positivos está sen dúbida o seu espectacular deseño e autonomía, mentres que se tivéramos que destacar os puntos negativos serían o prezo (279 €) e o feito de que segue sendo un dispositivo accesorio, que precisa do smartphone para levar a cabo as súas funcións.

lg g watch r3

Este último aspecto tampouco debe ser entendido como un handicap, posto que ao fin e ao cabo resulta especialmente cómodo e áxil ter todo sincronizado, ou non ter a necesidade de contar con 2 tarxetas SIM para diferentes trebellos.

En resumo, se nos pedísedes opinión sobre que reloxo Android Wear mercar, o LG G Watch R sería, arestora, a mellor opción a considerar.

No Responses

Deixa un Comentario