Analizamos o Samsung Galaxy Note 4

Samsung Galaxy Note 4 4

Hai dúas series básicas para Samsung: a Galaxy S e a Galaxy Note. Polas nosas mans acaba de pasar a cuarta xeración da Note, o Samsung Galaxy Note 4, un trebello que destaca en todos os seus aspectos sobre a competencia, o que o convirte nunha das mellores opcións para mercar hoxe en día.

Deseño, acabado e conexións

Malia que Samsung foi mellorando o deseño durante os últimos anos, o Galaxy Note 4 é o que ten de primeiras un aspecto máis premium, elixindo o plástico para evitar ter un trebello excesivamente pesado, pero imitando o coiro, dándolle calidez e beleza. A combinación co metal empregado nos bordes axuda e mellorar esa sensación de calidade.

Samsung Galaxy Note 4

Por como está deseñado, Samsung conseguiu aproveitar moi ben a frontal do dispotivo, polo que malia ter unha gran pantalla non é un trebello exaxeradamente grande. Destaca o botón físico característico de Samsung, que serve ademais como lector da pegada dixital; na parte superior dianteira temos diferentes sensores, o altofalante de conversa e a cámara frontal.

Samsung Galaxy Note 4 5

Os laterias agochan o resto de botóns: no esquerdo temos os botóns de volume e no dereito o de acendido. No bisel superior está o jack 3.5 e no inferior o microUSB e o stylus característico da saga note. Finalmente, na parte traseira está a cámara co seu flash LED e un lector de ritmo cardíaco.

Desmontando a tapa temos acceso á batería e ás bandexas para a microSIM e microSD.

Pantalla

A pantalla é un dos puntos fortes deste dispositivo. Ten 5,7 polgadas e unha resolución 1440 x 2560 píxeles (518 ppp). Sinxelamente, é espectacular. Consegue uns tons realmente vivos e realistas, demostrando a madurez dos paneis AMOLED.

Samsung Galaxy Note 4 s pen 3

Para case todos os ángulos de visión as tonalidades son perfectas e a xestión do brillo é inmellorábel, ofrecendo en exteriores con luz directa uns resultados superiores á competencia sen ter que recurrir a un brillo molesto

Sistema operativo e S-Pen

Á hora de probalo, o Note tiña Android 4.4.4 KitKat, aínda que en breve recibirá a actualización a Lollipop. Como non, Samsung puxo por riba a súa interface TouchWiz, que en certa medida desaproveita moito espazo polo tamaño das iconas.

Ademais, esta vez o dispositivo vén cunha rea de aplicacións preinstaladas, algunhas de utilidade para sacarlle uso ao stylus S-PEN e outras que, sinceramente, sobraban. Ao igual que noutros dispositivos da compañía, é posíbel adquirir software premium de balde, a lo menos temporalmente, baixo os Galaxy Gifts.

Entre as funcións especiais destacamos o modo multiwindow, que nos permite empregar varias aplicacións a un tempo, así como a posibilidade de reducir o tamaño de moitas apps e arrastralas polo escritorio, de xeito semellante ao que podemos facer nos nosos computadores.

Samsung Galaxy Note 4 s pen

Centrándonos no S-Pen, hai que dicir que Samsung mellorou moito a precisión deste, facendo que sexa toda unha ledicia escribir a man (si, como o ledes). O recoñecemento é inmediato, mesmo para xente con letra reguleira riquiña (léase, servidor).

Samsung Galaxy Note 4 s pen 2

Deixando a un lado as opcións de escritura, resulta especialmente cómodo poder facer anotacións nas capturas de pantalla ou realizar seleccións de partes do contido. Tamén dibuxar pode ser un pracer se temos algo de coñecemento sobre o tema, posto que admite diversas texturas e un senfín de combinacións de elementos e cores.

Cámara

A cámara principal ten un sensor Sony IMX240 de 16 megapíxeles, con autofocus, flash LED e estabilizador de imaxe OIS, capaz de gravar vídeos FullHD. A frontal, fabricada por SAmsung, é de 3,7 megapíxeles.

En condicións de boa luminosidade o Note 4 consegue uns resultados espectaculares, cun nível de detalle elevado e reprodución de cor moi realista, pero cando baixa a luz aumenta o ruído nalgúns puntos, aínda que se mantén en parámetros mías que aceptábeis.

samsung galaxy note 4 galeria

A aplicación de cámara non trae de serie demasiados modos, pero podemos descargalos en calquera momento desde a mesma aplicación, que nos conducirá á tenda de Samsung Apps.

No noso perfil de Flickr podedes disfrutar dunha galería de imaxes tomadas con este terminal.

Batería

Samsung está a mellorar moito o tema das baterías, e a de 3220 mAh que incorpora o Galaxy Note 4 cumpre bastante ben. É extraíbel e pódese cargar nun 50% en apenas 30 minutos, algo que é de agradecer cando precisamos dárlle un chute de enerxía extra aos nosos dispositivos.

O Galaxy Note 4 aguanta unha xornada intensa sen problemas, mesmo quedando con enerxía para superar parte do día seguinte, polo que podemos situalo no día e medio de uso.

Dispón do modo ultraaforro de enerxía que tanto nos gustara cando probamos o Galaxy S5, co que poderemos multiplicar as horas de vida do noso dispositivo a costa de perder funcionalidades ante unha necesidade puntual.

Conclusións

A ninguén se lle escapa que un dispositivo coas características dun Samsung Galaxy Note 4 debería ir ben. Lembrando as súas especificacións, estamos a falar dun trebello que integra un procesador Qualcomm Snapdragon 805 de catro núcleos a 2,7 GHz, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 128 GB.

O Note 4 vai moi fluído e cómodo cos seus 3 GB de RAM, aínda que sufre un pouco de lag no (a estas alturas incomprensíbel) punto frouxo de Samsung: o acceso á galería. Polo demais, pode con todo, sexa ter ducias de apps abertas ou xogos que precisan moitos recursos.

A existencia do S-Pen xustifica termos unha pantalla das dimensións do Note. Ademais, coas melloras desta edición empregar o stylus é moito máis atractivo ca nunca, co que hai que parabenizar a Samsung polo acerto en seguir apostando por este accesorio.

O Galaxy Note 4 pódese mercar libre por uns 650 euros, aínda que se pode adquirir tamén financiado a través de varios operadores.

No Responses

Deixa un Comentario