Analizamos a Fitbit Charge

fitbit charge _1

Hai case un ano pasou polas nosas mans o Fitbit One, un dos primeiros wearables para  controlar a nosa actividade física. Por sorte, durante este tempo os dispositivos foron evolucionando e xa temos trebellos que non temos que levar no peto, senón no pulso, sendo moito máis cómodo. Hoxe toca falar da Fitbit Charge, o último trebello que probamos de Fitbit.

Comezando polo seu deseño, a Fitbit Charge podería definirse como unah correa de goma, que poderemos axustar ao grosor do noso pulso adaptando os buratiños da correa. Pesa tan só 23 gramos, é resistente á auga até 1 atmósferta (aproximadamente 10 metros de profundidade, e ten unha pantalla OLED na que poder amosar información, aínda que se queremos falar da súas especificacións non debéramos esquecer o Bluetooth 4.0, que apenas consume enerxía, e a presenza de altímetro, grazas ao cal pode achegarnos máis información.

fitbit charge _2

A pantalla é sen dúbida un dos puntos a favor desta pulseira. Aínda sendo conscientes que este tipo de dispositivos onde ganan ou perden é na información procesada que amosan na aplicación, ter unha pantalla axuda a podermos acceder a parte destes contidos, como a hora, os pasos percorridos ou as calorías queimadas, entre outras. Para activala temos que pulsar o único botón físico do trebello, aínda que hai opción de configurar un dobre toque na pantalla, tal e como están a implementar moitos móbiles.

A través dela tamén poderemos ver algunhas notificacións, como a identificación da persoa que nos chama por teléfono, pero a súa inclusión é case anecdótica, polo que non poderíamos chegar a considerar o dispositivo como un centro de notificacións, como ocorre cos smartwatches.

En canto á batería, Fitbit conseguiu que esta pulseira teña unha autonomía que case chega á semana, ademais de que a carga é bastante rápida (apenas hora e cuarto). Quizais o aspecto máis incómodo relacionado coa carga é o uso dun cargador propietario, o que nos obriga a andar cun cable extra.

fitbit charge _3

Como xa comentamos, polas súas especificacións a Fitbit Charge resiste ser somerxida 10 metros de profundidade, aínda que a propia compañía desaconsella levala posta á hora da ducha. Isto ten bastante pouco senso, ademáis de resultar un incordio.

Chegados a este punto, cómpre falarmos do que podemos facer coa Fitbit Charge. Como podedes imaxinar, o máis básico é medir os pasos, e facer o cálculo dos kilómetros percorridos e as calorías queimadas. Pero ademais, ao ter altímetro ofrécenos unha aproximación de cantas escaleiras subimos e baixamos medidas en número de andares.

fitbit app

Así mesmo, tamén dispón de detección automática das horas de sono, indicando nunha gráfica canto tempo estamos espertos e durmidos ao longo da noite e como é a caldiade do mesmo. Isto é un avance fronte modelos anteriores, nos que había que activar e desactivar o modo sono a man.

Aínda que fai a detección da nosa actividade xenérica automaticamente, se queremos que rexistre unha actividade específica completa (por exemplo, correr), debemos activar esta funcionalidade automaticamente na aplicación, un aspecto que cremos poderían mellorar de cara a que fose algo totalmente automático.

fitbit charge _4

Finalmente cómpre falarmos da comunidade e dos desafíos. E é que Fitbit vai máis aló de ter un panel no que as usuarias podemos controlar e visualizar a nosa actividade, senón que ademais dispón da posibilidade de obrigarnos a levar a cabo desafíos que nos manteñan activos e competir contra as nosas amizades, desbloqueando insignias que aumentan a experiencia de gamificación.

Para ir concluíndo podemos dicir que a Fitbit Charge é un trebello moi completo para a cuantificación da nosa actividade diaria e que funciona moi ben en segundo plano, é dicir, que podemos esquecernos de que a levamos posta. Está dispoñíbel por uns 130 euros en catro cores, aínda que neste aspecto cómpre sinalar que existe tamén o modelo Fitbit Charge HR, que basicamente é o mesmo trebello con lector de ritmo cardíaco incorporado, por 150 euros.

No Responses

Deixa un Comentario